Discreto arranque ligueiro con empate (0-0) dun Pontevedra sen perigo fronte ao C.D. Choco
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Non foi un bo partido. Nin brillante nin efectivo. O Pontevedra mostrou algunhas virtudes, pero tamén bastantes defectos na súa estrea ligueira fronte a un C.D. Choco especialmente motivado pola súa volta á Terceira División tras máis de 30 anos de ausencia, e polo nome do rival que tiña en fronte. Mentres lle duraron as forzas aos homes de Jacobo Montes arrepor e atuaron aos granates, e cando o partido se lles fixo longo souberon pechar espazos e buscar nunha contra a posibilidade de sorprender o seu rival.
O equipo de Nando deu a cara, si, pero careceu de profundidade e pegada. No seu haber cabe dicir que se mostraron como un equipo traballador, con máis capacidade de loita que a pasada tempada, pero tamén con lagoas defensivas, algunhas perigosas, e con certa tendencia a un excesivo espazo entre as súas liñas, o que facía que os balóns divididos fosen parar con frecuencia ao seu adversario.
Ademais, estivo espeso na construción, aspecto no que mellorou coa entrada de Candela na segunda parte, pero recorreu con demasiada frecuencia a un fútbol directo para o que nin está dotado, nin dispón dos homes necesarios en punta, por envergadura, para poder sacar partido dese tipo de xogo.
A primeira parte foi mala. O partido non tivo dono nin apenas intensidade. Con demasiados erros nos pases, os ataques limitábanse a centros imprecisos que nunca encontraban rematador. Apenas unha chegada por bando con certo perigo. A primeira para o Pontevedra pasada a media hora de xogo. Iso si, moi clara, aínda que fose nun rebote, cando o balón lle chegou a Fran Fandiño, ao bordo da área pequena, pero quizais por non se esperar o regalo, o seu remate foi case unha cesión o porteiro redondelano. A do Choco viría pouco despois, cun remate de Manu Lojo que marchou arriba.
Coas portarías de adorno, os dous equipos marchaban ao descanso, para dar paso a unha segunda metade na que o Pontevedra aproveitou o baixón físico do Choco para apoderarse do balón e levar a iniciativa. Os locais botáronse atrás, e o Pontevedra tivo vinte minutos que deu a sensación de que o gol sería cuestión de tempo.
O árbitro non sancionou unha man de Lucas dentro da área mediada a segunda parte, cortando un centro de Richi
Richi probaría fortuna mediado o segundo período cunha vaselina que marchou fóra. Deseguido viría a xogada polémica do partido, cun centro do mesmo Richi que buscaba a Benja e que foi cortado dende o chan coa man por Lucas. Era penalti, pero o colexiado non viu a infracción e o Choco respirou.
Mandaban os granates, pero o conxunto local á contra tivo as súas mellores ocasións. Ao Pontevedra esqueceuse o fútbol combinativo que lle fixera dono do partido e primeiro Albert e logo Curri puxeron un nó na garganta aos afeccionados granates presentes en gran número no campo.
Benja buscou desfacer a igualada, sen puntaría, e o Choco, que daba por bo o empate, tivo a ocasión de levarse mesmo a vitoria a falta de dous minutos, cando unha falta dende a frontal lanzada por Albert obriga a Paco a realizar unha grande intervención para evitar o tanto.
Ao final repartición de puntos decepcionante para os granates, que querían máis, pero que demostraron que aínda teñen un longo camiño por diante para ser o equipo que se supón deben ser.
C.D. CHOCO (0): Cortegoso (1); Míchel (1), Cris (1), Lucas (1), Diego (1); Saúl (2); Yeray (1), Manu Lojo (1), Caloi (2), Curri (2); e Robert (2).
Substitucións: Albert (1) por Robert, minuto 62. Anxo (s.c.) por Yeray, minuto 79.
PONTEVEDRA C.F. (0): Paco (2); Adrián (1), Yago Vázquez (3), Miguel (2), David Feito (1); Fran Fandiño (1), Iago Paz (1), David García (2), Tubo (1); Santi Domínguez (1) e Benja (1).
Substitucións: Candela (2) por Santi Domínguez, minuto 51. Richi (1) por Iago Paz, minuto 61. David Pérez (1) por Fran Fandiño, minuto 69.
Árbitro: Sergio Espasandín Cores (A Coruña), auxiliado nas bandas por Diego Sánchez Rojo e Bernardo Domínguez Manteiga. Amoestou a Diego, Miguel e David Pérez.
Incidencias: Campo Municipal Graciano Padín (Soutomaior), por estar en obras en campo de Santa Mariña en Redondela. Uns 600 espectadores, con nutrida presenza de seguidores visitantes. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Angrois.
VESTIARIOS:
JACOBO MONTES: A satisfacción era evidente no rostro do técnico local que daba por bo o empate: "Un punto fronte a un Pontevedra que é un equipo que non lle corresponde esta categoría, o rival a bater, o favorito número un, e moi contento. Foron 30 anos de espera e ver a xente así na bancada é para estar contento. Competimos moi ben. ÿ verdade que a primeira parte non foi boa, con moitas imprecisións, pero o campo non axuda tampouco. Intentamos regalo, pero secou deseguida. Nós non estamos adaptados a este campo, no que apenas adestramos, e o Pontevedra tampouco. A última media hora estabamos moi cansos, por iso repregámonos para intentar saír á contra. O Pontevedra quixo ir a pola vitoria, pero creo que o resultado é xusto".
Nando: "Estou moi contento da segunda parte que fixo o meu equipo"
NANDO: O adestrador granate tivo que dirixir o seu equipo dende a bancada, coa colaboración do seu segundo, Manu Fernández, por arrastrar un partido de sanción, e valorou positivamente o comportamento dos seus homes na segunda metade: "Satisfeito a medias. Estou moi contento da segunda parte que fixo o meu equipo en campos así tan complicados, con rivais que che dan a iniciativa do xogo. Non xeramos moitas ocasións, pero si que dominamos e quixemos ir a polo partido. Os goles irán chegando pouco a pouco. Na primeira parte estivemos sen chispa, moi monótonos, perdemos moitos balóns en segundas xogadas, pero cos cambios xa tivemos o control do xogo".