Honroso debut do Cisne en Asobal a pesar da súa derrota fronte o Granollers (27-21)
Por Redacción
Boa imaxe a mostrada polo Club Cisne na súa esperada estrea na Liga Asobal. Non era un debut sinxelo, na cancha dun dos grandes equipos da competición como o Granollers, pero os pontevedreses demostraron ter o nivel para dar a batalla esta tempada na elite.
Despois dun verán complicado polas limitacións para adestrar en condicións de competición e para xogar encontros de preparación, o Cisne non evidenciou demasiada falta de rodaxe apoiándose na solidez do seu bloque, o mesmo que conseguiu o ascenso con xogadores que se coñecen á perfección tras anos compartindo vestiario.
O que si notaron os de Jabato foron os nervios iniciais, e é que nos primeiros minutos víronse sorprendidos polo comezo do Granollers. O cadro catalán quixo marcar distancias de saída e nos primeiros minutos colocou un 4-0 no marcador.
Álex Chan conseguía o primeiro gol da historia cisneísta en Asobal a continuación, aproveitando uns 7 metros firzado por Dani Ramos, pero o equipo sufría e co 5-1 o técnico parou o partido co seu primeiro tempo morto.
A arenga deu resultado e os nervios do principio se esfumaron aos poucos. Así, cun parcial de 0-3 grazas a goles de Chan, Jose Leiras e Chapela o Cisne metíase de novo no choque pasados os 10 minutos de xogo (5-4).
Os locais mantiñan a iniciativa e aínda que volveron facer a goma e irse de tres goles (10-7), o recentemente chegado á Asobal mantiña o pulso poñendo o 10-9. Tivo nese momento o cadro pontevedrés o empate xogando en superioridade, pero Marc Guàrdia detivo o lanzamento de Andrés Sánchez e o Granollers devolveu o golpe anotando o 11-9 co que se chegaría ao descanso.
Non o conseguiu á primeira, pero na continuación o Cisne conseguiu non só igualar o partido senón poñerse por primeira vez en vantaxe subindo o seu nivel defensivo e cun Jorge Villamarín que roldaba por entón o 50% de paradas. Fíxoo cun parcial ao seu favor de 0-3 (12-13) con dous tantos de Pombo e outro de Chapela que obrigou ao adestrador local a pedir tempo morto cando só transcorreran 5 minutos desde o intermedio.
Ao volver a pista, o decano do balonmán nacional tardou pouco en retomar a iniciativa, aproveitando unha exclusión de Pombo, e apertou o acelerador para pasar do 14-14 ao 18-14 que deixaba tocado aos pontevedreses cando se aproximaba o ecuador do segundo acto. De feito Jabato tentou parar o parcial cun tempo morto, pero nesta ocasión non conseguiu dar a volta a tendencia e ata aí chegou a resistencia do debutante, ao que lle fallaba a gasolina.
Desta forma o Granollers seguiu controlando o xogo e puxo terra polo medio, chegando a desvantaxe aos oito goles (23-15). A pesar de todo, honrosa estrea dos pontevedreses na máxima categoría, que lles serve para crerllo antes de afrontar a fin de semana outro partido, este si da súa liga pola permanencia, co derbi que se xogará o sábado en Cangas.
BM GRANOLLERS (27): Marc Guàrdia, Lancina (3), Alejandro Márquez (3), Salinas (5), Adrià Martínez (2), Sergi Franco (1), Antonio García (1) -siete inicial- De Sande, Jan Gurri (1), Marc Ferré, Edgar Pérez (5, 1p), Marc García (1), Pol Varela (3), Mamadou (1), Oriol Rey (1), Pol Sastre.
DICSA MODULAR CISNE (21): Jorge Villamarín, Miguel Simón, Javi Vázquez, Jose Leiras (1), Iván Calvo, Carlos Pombo (4), David Chapela (2) -siete inicial- Álex Chan (6, 2p), Pablo PIcallo, Andrés Sánchez, Álvaro Preciado (3), Pablo Gayoso, Daniel Ramos (4), Alejandro Conde, Carlos Álvarez (1), Pablo González.
Árbitros: Ignacio García Serradilla e Andreu Marín Lorente. Excluíron a Sergi Franco no Granollers e a Iván Calvo (2) e Carlos Pombo (2) no Cisne.
Marcador cada cinco minutos: 3-0, 5-3, 7-5, 9-6, 10-8, 11-9, descanso, 12-12, 15-14, 18-14, 23-15, 24-18, 27-21.
Incidencias: Partido da xornada 2 da Liga Asobal disputado no pavillón de Granollers.
Relacionadas:
-
Golpe de realidade para o Cisne que se estrela contra un Huesca moi superior (24-31)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Anaitasuna de Quique Domínguez, que aínda non coñece a vitoria, recibe a visita do Cisne
Por Redacción |
-
O Cisne estréase na casa con derrota fronte ao BM Puerto Sagunto (26-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Esperada estrea do Cisne na casa en busca da súa segunda vitoria na Liga Asobal
Por Redacción |
-
O aforo do Municipal para o primeiro partido en casa do Cisne queda restrinxido a 60 espectadores
Por Redacción |
-
O Cisne leva o derbi galego ante o Cangas e consegue a súa primeira vitoria en Asobal (26-33)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Derbi en Cangas para un Cisne que busca os seus primeiros puntos da tempada
Por Diego Espiño |
-
Granollers, agora si, primeira parada do Cisne en Asobal
Por Diego Espiño |
-
Primeira vitoria da pretempada para o Cisne ao vencer 23-27 o Atlético Novás
Por Redacción |
-
O debut do Cisne en Asobal terá que esperar: aprazadas as dúas primeiras xornadas de liga
Por Diego Espiño |