Gómez Noya, segundo en Estocolmo tras Alistair Brownlee cede o liderado das Series Mundiais
Por Alejandro Espiño
Loitou polo triunfo ata o final, pero atopouse cun formidable Alistair Brownlee. Javi Gómez Noya foi segundo no tríatlon de Estocolmo, a penúltima proba da tempada das Series Mundiais. Alistair Brownlee venceu cun tempo global de 1.43:13 e avantaxou en 14 segundos a Gómez Noya e en 37 ao seu irmán Jonathan Brownlee, que completou o podio na capital sueca.
O inglés logrou a súa decimoquinta vitoria nunha proba das Series Mundiais. Foi un dos primeiros en saír da auga, nun grupo de quince triatletas onde se atopaban tamén o seu irmán pequeno e Javi Gómez Noya. Rodaron xuntos durante as sete primeiras voltas do sector de bicicleta, pero na oitava imprimiu un ritmo moi forte e escapouse en solitario, alcanzando unha vantaxe de 20 segundos.
A partir de aí, Alistair tan só tivo que administrar a súa vantaxe na carreira a pé. Detrás del, a loita foi encarnizada entre Jonathan Brownlee e o triatleta galego. Ningún parecía poder despegarse do seu rival e xuntos percorreron a metade dos 10 quilómetros. Pero ao chegar ao sexto quilómetro, Gómez Noya apostou forte e logrou escaparse do inglés o suficiente para garantirse a segunda praza.
En todo caso, Gómez Noya amosouse satisfeito do rendemento demostrado en Estocolmo. Fíxoo a través da súa conta de Twitter.
Gracias a todos por el apoyo, hoy he hecho una de mis mejores carreras, no lo suficiente para ganar pero contento con mi rendimiento!
Javi Gomez Noya (@Jgomeznoya) August 25, 2013
Este segundo posto foi suficiente para que Javi Gómez Noya siga con opcións para lograr o título. Coa vitoria de Alistair, perdeu o liderado das Series Mundiais. Agora é terceiro con 3.020 puntos, tralos dous irmáns ingleses. Pero a diferenza de puntos e o feito de que a última proba, a de Londres, puntúa dobre, fai que sexa unha empresa aínda factible. Alistair ten 3.140 puntos por 3.085 do seu irmán Jonathan.
O nome do gañador das Series Mundiais de Tríatlon coñecerémolo en Londres o próximo 15 de setembro.