Bo inicio de pretempada do Poio Fútbol Sala: vencen 3-1 ao Viaxes Amarelle ante a súa afección
Vitoria para as xogadoras de Marcio Santos na súa estrea en pretemporada ante a súa afección. O Poio Fútbol Sala venceu por 3-1 ao equipo coruñés do Viaxes Amarelle. Foi un partido no que as 'rojillas' xeraron boas sensacións e onde a súa afección puido ver en acción ás caras novas desta tempada, na que o equipo pontevedrés debutará na máxima categoría do fútbol sala feminino.
Os dous equipos saíron a apertar o balón desde o principio. Claudia adiantaba ao Poio cun soberbio gol na primeira parte, unha vantaxe que as coruñesas pronto liquidarían. Facíano por obra de María, que empataba o partido logo de recoller un rexeite dentro do área. Así se chegou ao descanso.
Na segunda parte, aos dous equipos notóuselles o cansazo da pretemporada, Claudia volvía adiantar ás 'rojillas' cun gol de bela factura, despois de que Charo lle asistise gañándole as costas á contraria. Nos últimos minutos, o Amarelle quedábase cunha xogadora menos trala expulsión de Patricia Corral, unha superioridade que aproveitaría Yoly minutos despois para rematar o partido cun terceiro gol.
O Poio Futbol Sala xogou de inicio con Carmen, Charo, Claudia, Ceci e Yoly. Tamén xogaron no partido Silvia, Tania, Elena, Anita, Mar, Peke, Kiko e Paloma.
Tras este primeiro partido, o equipo pontevedrés segue coa súa preparación de cara ao comezo de liga. O próximo amistoso será o sábado 31 de agosto en Baiona, onde se enfrontarán ao Ponte Ourense. A continuación chegará o primeiro partido oficial da tempada. O 4 de setembro xogarán en Poio un partido da Copa Xunta ante o potente Burela, actual campión de Primeira División.
Posteriormente, o 7 de setembro desprazaranse a Ferrol para xogar a segunda xornada da Copa Xunta ante o Fervenza, de Segunda División; e o 12 de setembro en Ourense disputarán o trofeo presentación do Cidade das Burgas.