O Arxil presenta o seu novo arsenal para asaltar o playoff
Por Manu Otero
O Arxil xa ten todas as súas pezas para afrontar unha nova tempada. O equipo que adestra Mayte Méndez só terá tres caras novas este ano, pero a ambición é máxima e no conxunto verde están convencidos de que as novas incorporacións darán o empuxón necesario para levar ao equipo á loita polo ascenso á primeira división do baloncesto feminino nacional.
Noelia Masía, Bineta Ndoye e Sara Castro adestran xa co resto das súas compañeiras á espera da aprobación dun protocolo que permita o normal desenvolvemento da práctica deportiva. Así mesmo, o club espera tamén a asignación dun novo espazo para adestrar, posto que a situación sanitaria obrigou a redistribuír os espazos do CGTD e obrigou ao cadro verde a desprazarse ao Multiusos para as súas primeiras sesións preparatorias.
Aínda así, as tres novas incorporacións son optimistas ante este novo desafío. "Ao ser un equipo novo e con ganas seranos máis fácil afrontar esta tempada", declarou Sara Castro, a última en chegar, ao que Noelia Masía apostilou que confían en poder "estar entre as mellores".
Bineta, pola súa banda, espera achegar ao equipo un salto de calidade en defensa e no rebote. O carácter e a loita para "tirarse ao chan a por todos os balóns" achegarao Sara, mentres que Noelía será a encargada de dar "calma e serenidade" ao xogo.
"Vendo ao equipo, as ganas e o grupo, non é desatinado pensar no playoff", sostén Castro. O único inconveniente que presenta agora o proxecto do Arxil é o encaixe de todas as pezas. "Cando podamos adestrar cinco na cancha e fagamos grupo veremos ata onde podemos chegar", matizou Masía ao mesmo tempo que Ndoye mostrábase confiada nas posibilidades de facer algo grande este ano.
O directivo Lino Vázquez, pola súa banda, quixo destacar "o valor seguro" que é para o Arxil volver contar co núcleo duro do plantel que o compoñen xogadoras como María Lago, Carla, Natalia ou Cristina Dïaz, así como a continuidade de Forster, que foi unha das mellores xogadoras da tempada pasada. "Podemos soñar con estar entre os catro mellores", concluíu o dirixente.
Relacionadas:
-
Derrota do Arxil en Vigo no seu primeiro partido de Copa Galicia e da pretempada (64-59)
Por Redacción |
-
A Federación esixe test de Covid semanais aos equipos de Liga Feminina 2
Por Redacción |
-
O Arxil 'traslada' a súa pretempada ao Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
O Arxil, pendente da Copa Galicia para planificar a parte final da súa pretempada
Por Redacción |
-
O Arxil pecha o seu plantel coa chegada da alero Sara Castro
Por Redacción |
-
O Arxil blíndase na pintura coa fichaxe da internacional senegalesa Bineta Ndoye
Por Diego Espiño |
-
Noelia Masiá estrea o capítulo de fichaxes no Arxil
Por Redacción |