Os carnés de socios do Teucro poderán tramitarse online e telos descargados no móbil
Por Diego Espiño
Nunha tempada que se presenta con tantas dúbidas e complicacións como a que está a piques de comezar, toda axuda é pouca para tentar cadrar as contas, por ese motivo a Sociedad Deportiva Teucro pide o máximo apoio posible á súa masa social.
O Concello de Pontevedra foi escenario este xoves dunha rolda de prensa do club teucrista con representantes do goberno local, os concelleiros de Deportes e Turismo (Agustín Fernández e Yoya Blanco), para dar un impulso á campaña de socios do vicedecano do balonmán nacional.
"Nesta tempada que se presenta complicada pola situación que estamos a vivir os equipos de Pontevedra, neste caso o Teucro, precisa o apoio da súa afección", salientou o edil de Deportes.
Ademais, lembrou Laura del Castillo desde o Teucro, "hemos bajado los precios a algo razonable que todos puedan pagar", en relación aos prezos presentados a finais do mes de xullo.
Doutra banda, pensando en minimizar os contactos sociais, o Teucro dará a opción de tramitar o abono online a través da plataforma Cluber, onde se poderá obter o carné e descargalo no teléfono móbil. Con todo para os que prefiran o tradicional formato físico, poderá retiralo na oficina do club tras solicitar previamente cita por teléfono ou a través da web www.teucro.com.