Canceladas a 'Carreira' e a 'Andaina Pinga Pinga' con motivo da Covid
Por Redacción
O Club Deportivo Pinarium anunciou este domingo que a XI edición da 'Carreira Reto Pinga Pinga' e a V edición da 'Andaina Pinga Pinga', paralela á carreira, ambas as previstas para o mes de outubro, foron canceladas.
Nun comunicado, o club explica que "tras ser tratado en xunta directiva, e debido á situación sanitaria producida pola Covid-19 que está a vivir o país, e concretamente a Comunidade Autónoma de Galicia, CD Pinarium e a súa xunta directiva vese na obrigación de notificar con tempo suficiente a cancelación das probas".
A primeira razón que traslada o club para suspender o evento, é "o aumento do número de contaxios nestas últimas datas", o que se traduce en que, por seguridade, non se poderían celebrar as carreiras de menores, normalmente as máis numerosas, xa que se terá que limitar a participación dos menores e a entrada de familiares ao recinto.
Desta maneira, e ante a situación de risco actual, o club destaca que "a seguridade debe estar por encima de todo, e é a nosa responsabilidade o velar por ela tanto nas probas que compoñen a Carreira Pinga Pinga, como as consecuencias que puidesen derivar das mesmas".
Por último, o club conclúe o comunicado agradecendo aos voluntarios e voluntarias que traballaron na organización durante estes 10 anos e esperando que o ano que en 2021 poida levar a cabo a XI edición "do noso evento de máis historia".