O Estudantes inaugura a pretemporada coa III edición do Peque Campus
Por Redacción
O Baloncesto Estudantes Pontevedra organiza por terceiro ano o Peque Campus, especializado en canastra pequena para as categorías de minibasket (2009-2010) e premini (2011-2012).
Será durante a primeira semana de setembro no pavillón do IES Xunqueira I, e poderán asistir nenos e nenas nacidos entre os anos 2008 e 2012.
A directora do Campus será Nacary Rojas, técnica con gran experiencia en categorías de formación e que actualmente adestra no Bosco Salesianos de Ourense. Forma parte tamén do corpo técnico da Federación Galega de Baloncesto e colabora coa Federación Española en categorías de formación, conseguindo levar aos seus equipos para disputar Campionatos de España en varias edicións na categoría infantil.
Co PequeCampus, o Estudantes Pontevedra dará inicio á pretemporada 20/21 despois de finalizar a tempada pasada no mes de marzo polo Covid19.
Doutra banda, os equipos de canastra grande (júnior masculino, cadete masculino e feminino e infantil masculino) comezarán os seus adestramentos tamén o día 1 de setembro. Así mesmo, tanto nos adestramentos como no Campus, o club seguirá un estrito protocolo de seguridade cumprindo coa normativa aprobada pola Xunta de Galicia.