O CGTD fai pública a lista de solicitantes mentres prepara o inicio do novo curso
Por Redacción
A dirección do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra atópase inmersa de cheo na planificación do próximo curso académico. Ademais de organizar o horario lectivo e de adestramentos adaptado á nova normalidade, o proceso de selección de deportistas para os grupos de tecnificación, rendemento e elite atópase tamén aberto. O día 25 de agosto fixéronse públicas as listas de avaliación das solicitudes recibidas que este ano ofrece 12 prazas de residentes e 45 para externos no apartado de elite e rendemento, mentres que as dispoñibles para tecnificación son 103.
No documento precisan os condicionantes que rexerán a a adxudicación definitiva das prazas para o grupo de residentes de rendemento. O número de bolseros non poderá ser superior a 7 do mesmo sexo e tampouco poderá haber máis de catro da mesma sección deportiva. No caso dos externos, o máximo de 45 prazas adxudicaranse a decisión da comisión de selección segundo os criterios establecidos na convocatoria.
Aínda así e dadas as extraordinarias circunstancias sanitarias, a dirección do CGTD puntualiza que o número total de prazas ofertadas estará suxeito aos requisitos e condicións requiridos en cada momento polas autoridades sanitarias competentes. Por iso, o número de prazas ofertadas ou concedidas poderá verse reducido en función da aplicación de medidas de protección estatais ou autonómicas para facer fronte á pandemia da Covid-19. Un matiz que tamén se aplica para a deportistas da área de tecnificación.
Para estes últimos, o número de bolsas dispoñible é de 103 a distribuír entre os cursos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato.
Publicadas as listas de solicitantes e a puntuación provisional concedida a cada un, as federacións deportivas dispoñen agora dun prazo de dez días para presentar as alegacións que consideren oportunas.
No referente aos nomes dos solicitantes, sobresaen grandes figuras do deporte pontevedrés que non obtiveran ou solicitaran praza para formar parte da planificación deportiva que ofrece este centro. Entre eles destaca o pentacampeón do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya, un habitual nas sesións de adestramento no CGTD, pero que carecía de bolsa para o curso pasado ao non dispoñer de licenza coa federación autonómica na campaña anterior.
A triatleta Saleta Castro ou os piragüistas Raquel Rodríguez, Óscar Graña e Diego Dacosta son outros deportistas de elite que aspiran a obter unha bolsa para o próximo curso xunto a outros catorce aspirantes, como Jean Marie Okutu, Teresa Portela ou Pablo Dapena, que xa obtiveran praza o curso anterior.
Na sección de rendemento, entre os novos aspirantes atópase a prometedora nadadora Águeda Cons que, despois da súa experiencia académica en Estados Unidos e de deixar o deporte nun segundo plano, ten decidido retomar a súa vida deportiva.
O número de solicitudes para o grupo de tecnificación rolda as 200, pero ao haber só 103 bolsas dispoñibles para internos, moitos aspirantes quedarán sen praza.
As disciplinas deportivas que se imparten no CGTD son atletismo (marcha e lanzamentos), bádminton, ximnasia acrobática, judo, loita, kárate, natación, piragüismo, remo, taekwondo, tríatlon e vela.
Relacionadas:
-
O CGTD incorpora 6 colaboradores para a atención aos deportistas
Por Redacción |
-
O CGTD pon en marcha o novo curso escolar coa chegada de todos os deportistas de tecnificación e rendemento
Por Redacción |
-
Horarios burbulla e restrición de espazos, medidas do CGTD para o inicio do curso académico
Por Almu Dapena |
-
Verducido acolle esta fin de semana o campionato galego de novas promesas
Por Redacción |
-
Convocadas 160 prazas para a tempada 20/21 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Por Redacción |
-
O CGTD avanza cara a nova normalidade
Por Redacción |