A experiencia do voleibol universitario en Estados Unidos en tempos de coronavirus
Por Manu Otero
A prometedora xogadora de voleibol pontevedresa Loreto Núñez decidiu facer as maletas hai tres anos para vivir a experiencia das potentes ligas universitarias en Estados Unidos. Habitual das concentracións das categorías inferiores da selección española desde moi nova, a adaptación ao xogo americano non lle custou demasiado e pronto se converteu nunha das xogadoras máis destacadas do equipo da Mercy College, a universidade neoiorquina na que cursou os seus dous primeiros cursos, co que conseguiu disputar os play- off polo título.
Ninguén se imaxinaba que unha pandemia mundial ía alterar os seus plans académicos e deportivos. "A pandemia colleume en Nova York, a primeira semana paseina na residencia, a segunda fun a casa dunha amiga en Porto Rico, ata que cancelaron as clases e puiden volver a España", explica Núñez, que este verán cambiou o Manhattan por Miami porque "quería vivir unha nova experiencia. Vou estar catro anos estudando en Estados Unidos e non quería estar só nunha cidade, quero velo tamén desde outra perspectiva", argumenta.
A súa marcha de Estados Unidos non lle serviu para fuxir do confinamento, xa que chegou a España a finais de marzo, en plena pandemia. "En Nova York o confinamento non era tan estrito como aquí", lembra a pontevedresa, que volveu cruzar o charco o 7 de agosto non sen dificultades. "Estaba todo na corda frouxa, non se sabía se ían cancelar a liga, se volvería en xaneiro... Ao final deixaron pasar aos estudantes e hai certa normalidade aínda que a situación está complicada porque hai moitos casos", explica Núñez.
Aínda que o mesmo 7 de agosto aterrou en Florida, non foi ata dúas semanas despois cando puido comezar a facer vida normal. "Estiven dúas semanas de corentena, é unha norma do país e tamén da universidade", detalla a deportista. Agora, xa asentada no distrito de Miami Gardens, ten que adaptarse á nova normalidade académica que, tamén é moi diferente á española. "Dannos a opción de recibir a clase online se non nos atopamos ben ou non estamos seguros. Se imos de forma presencial, estamos divididos en dous grupos, os numeros pares van uns días e os impares, os restantes. Ademais a máscara é obrigatoria e hai poucos alumnos", resume.
No plano estritamente deportivo, a situación non difire moito da que vivía en Nova York. "É unha liga diferente, competimos por Florida e Xeorxia, aínda que o nivel é similar", sinala a moza formada no Voleibol Pontevedra. O obxectivo do equipo da súa nova universidade, Saint Thomas, é claro: "queremos gañar a conferencia", asevera aínda asombrada co nivel deste deporte no país americano. "É un nivel moi alto e a preparación física tamén", compara Núñez co voleibol español.
Malia que aínda está a se asentar na súa nova cidade, o carácter latino que se vive en Florida facilitará a súa adaptación. "Só levo tres semanas e dúas delas de corentena. O formal é falar en inglés, pero hai moitos latinos e se non entendo algo, moitos falan español. Ademais, o clima, a praia o ambiente... gústame máis", recoñece sen desviarse demasiado das súas metas: crecer como xogadora pero, principalmente, completar os seus estudos de International Business.