As ligas volverán en outubro; os adestramentos con contacto, en setembro
Por Manu Otero
Despois da reunión mantida este luns en Madrid polo presidente da Real Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, co resto de presidentes das federacións territoriais; Rafael Louzán, presidente da Real Federación Galega de Fútbol, mantivo este martes un encontro con representantes dos equipos galegos que militarán en categorías de ámbito nacional a próxima tempada para informarlles de todo o tratado na cita con Rubiales.
O inicio das ligas é a principal incógnita e Louzán transmitiu aos equipos a necesidade de aprobar un protocolo coordinado polo CSD e as autoridades autonómicas antes de que o balón volva rodar.
O obxectivo é aprobar ese documento canto antes, pero entende Rafael Louzán que non será ata o mes de setembro cando se poidan dar as condicións para fixar as normas dun adestramento con contacto. A partir de aí a RFEF establecerá un prazo mínimo de 30 días para poñer en marcha as competicións. Todo supeditado á evolución da pandemia, puntualizan desde a federación.
Con esta premisa, confirma Louzán que aquelas categorías que xa tiñan un calendario aprobado para principios de setembro (as dúas primeiras categorías do fútbol feminino e as principais de fútbol sala) verán atrasado ese inicio. De feito agora mesmo non existe unha data concreta de comezo do calendario.
No referente á Segunda División B, Louzán informou os equipos galegos de que a RFEF está a traballar nunha distribución de grupos na que os equipos galegos quedarían encadrados cos asturianos e os castellanoleoneses. Dentro deste grupo habería unha subdivisión de dous subgrupos, formado un deles polos galegos e polos equipos de Castela e León máis próximos. Con todo, esta proposta non é definitiva.
Máis avanzada está a distribución dos grupos da Terceira Divisón galega. O presidente explicou que os 12 equipos das provincias de Lugo e A Coruña quedan encadrados nun subgrupo e o outro queda formado polos 12 equipos das provincias de Ourense e Pontevedra.
As competencias desta categoría están delegadas nas territoriais coa única condición de que o sistema de competición sexa homoxéneo. O modelo está aínda en fase de redacción e será presentado nas próximas semanas. Con todo, é seguro que, pola reestruturación da categoría de bronce coa aparición na 2021/2022 dunha nova categoría intermedia entre Segunda e Segunda B, provocará un maior número de ascensos desde a Terceira División. A previsión inicial é que cada grupo autonómico teña dous ascensos directos con posibilidade dun terceiro a través de playoff.
No resto de categorías rexionais, o plan da RFGF é iniciar as ligas en outubro sempre que a situación sanitaria permítao. A actual prohibición de practicar deportes de contacto imposibilita o regreso do fútbol en Galicia, pero Louzán confía que para finais de agosto poida actualizarse esa normativa e o protocolo para permitir os adestramentos con contacto para comezar as competicións durante o mes de outubro. Sempre cunha marxe dunhas seis semanas para a preparación dos equipos.
As novas reparticións de grupos e sistemas de competición están a ser analizados polo departamento de competicións da RFGF. Tan pronto como estean listos, haberá unha nova rolda de contactos cos clubs por parte do presidente Louzán para presentar os novos sistemas de competición para unha tempada marcada pola pandemia e a suspensión do pasado curso sen descensos.
Relacionadas:
-
Rubiales cita o luns aos presidentes das territoriais para planificar a volta do fútbol non profesional
Por Redacción |
-
A Real Federación Galega de Fútbol anuncia un desconto na cota dos seguros deportivos
Por Redacción |
-
A RFEF esixe ao CSD un "plan transversal" para os deportes de equipo antes de iniciar as competicións
Por Manu Otero |