Máis de 100 alumnos participaron no curso de adestradores nivel I celebrado no CGTD
Por Redacción
Un total de 107 alumnos das federacións de loita, halterofilia, remo, kickboxing, boxeo, taekwondo e karate veñen de rematar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) o curso do bloque común de adestradores deportivos nivel I que organiza o Centro Público Escola Galega do Deporte en colaboración coa Unión de Federacións Deportivas Galegas e das federacións implicadas.
O curso realizouse ao longo dun mes e medio intenso de formación teórica e práctica en liña, xunto coas práctica desenvoltas no CGTD e as tarefas individuais realizadas baixo a titorización do profesorado. A convocatoria de exame ordinaria desenvolveuse este sábado en horario de mañana no Centro de Tecnificación en quendas de máximo de 25 alumnos por aula conforme están establecidas as medidas da Covid-19 en Galicia.
O exame durou un total de dúas horas onde se avaliaron os contidos das catro materias deste nivel: bases de comportamento deportivo (20 horas), primeiros auxilios (30 horas, 10 delas en sesións presenciais prácticas), actividade física adaptada e discapacidade (5 horas), e organización deportiva (5 horas). Unha vez superado o bloque común deste curso, o alumnado desenvolverá a parte específica e a parte práctica coa súa respectiva federación obtendo así o título de adestrador nivel I.
Por último, a Secretaría Xeral para o Deporte anunciou que nas vindeiras datas realizaranse novas formacións que abranguen a outras federacións deportivas, todas elas sin ningún tipo de custo, máis aló dos trámites burocráticos.