O Concello confirma a celebración do nacional de tríatlon con estritas medidas de seguridade e sen público
Por Manu Otero
Pontevedra será a sede da primeira competición oficial de tríatlon do país despois do confinamento. Federación e Concello teñen trazado un estrito protocolo para garantir a saúde dos deportistas que competirán polas rúas da cidade do Lérez entre o 22 e 23 de agosto.
O Campionato de España de Tríatlon Sprint de Pontevedra será un evento pechado ao público co obxectivo de preservar a saúde dos deportistas, do persoal acreditado e tamén dos afeccionados, evitando así aglomeracións nas marxes do trazado.
"Sabemos que hai fame de vitoria, ganas de competir, de conquistar a normalidade. Con toda a cautela, pero tamén moi seguros do que facemos, imos organizar como sempre un campionato impecable, adaptado ás circunstancias e por tanto moi diferente a outros momentos gloriosos do tríatlon na nosa cidade. Poñeremos toda a nosa enerxía para que Pontevedra volva ser o escenario perfecto que o tríatlon necesita", afirmou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.
Á marxe da blindaxe da sede, establecerase un protocolo exhaustivo cun rexistro documentado e un control total de acceso ao recinto polo que unha vez realizado o cuestionario médico previo, a toma de temperatura e unha posible medición do nivel de osíxeno en sangue, toda a persoa que acceda ao recinto deberá permanecer nel ata a finalización do evento.
A Avenida de Buenos Aires, entre o Puente dos Tirantes cara a Monte Porreiro, será a zona na que levarán a cabo as carreiras. "Esa sede será practicamente inaccesible para o público", sostén o director de competicións da Fetri, Jorge García. Crearase un perímetro de quilómetro e medio completamente valados con enreixados altos cubertos cunha lona, de modo que sexa imposible seguir a competición desde este lugar.
Para facilitar o seguimento da competición, a organización ofrecerá en streaming as dúas competicións de elite que poderá seguirse pola canle de Youtube de LaLigaSportsTV.
No referente ás persoas que se despracen ao campionato desde outros puntos de España, é obrigatorio cumprir coa normativa da Xunta, que obriga ao rexistro de viaxeiros e que está dispoñible na web da institución. Ademais, os deportistas terán horarios específicos de entrada á sede para recoller o seu dorsal e material.
Con todo, a programación da competición queda suxeita á evolución da situación sanitaria xeral e as decisións dos organismos sanitarios e gobernamentais.
Relacionadas:
-
O Campionato de España Sprint de Tríatlon pasa a ser contrarreloxo en categoría elite polas restricións do Covid
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra blíndase ao tráfico peonil e rodado para organizar a primeira gran competición deportiva da pandemia
Por Manu Otero |
-
Fazaña de Elsa Pena: Bronce europeo despois de correr dous quilómetros descalza
Por Manu Otero |
-
Iván Raña e Tamara Gómez encabezan a lista de rexistrados para o Campionato de España de Tríatlon de Pontevedra
Por Manu Otero |
-
O europeo de tríatlon de Estonia, cancelado pola pandemia
Por Manu Otero |
-
O Nacional Sprint de Tríatlon en Pontevedra, na corda frouxa
Por Diego Espiño |
-
Confirman a Pontevedra como sede do Nacional Sprint de Tríatlon, con Gómez Noya e Mola como principais reclamos
Por Diego Espiño |