O paso adiante de Álex González na tempada con máis "ilusión"
Por Manu Otero
O Pontevedra inicia un novo proxecto nunha tempada clave. A da reestruturación da Segunda B, que pode acabar co equipo en Segunda División ou na quinta categoría do fútbol español. E afróntao sen os xogadores que capitanearon a nave granate nas últimas tempadas. Con todo, o vestiario granate non está exento de líderes. O excapitán Edu Sousa, nunha charla no podcast Fondo Norte de PontevedraCF.net, destacou a tres compañeiros como novos xefes do vestiario granate.
O primeiro deles foi Álex González, do que se desfixo en eloxios polo seu incesante crecemento nas cinco tempadas que leva como granate. Despois de destacar a súa calidade humana e futbolística, o novo gardameta do Talavera afirmou que "chegou o momento de dar un paso adiante".
Agradecido polos afagos, "xa llo agradecín en privado", Álex González, coa humildade que lle caracteriza, prefire fuxir do protagonismo. "É algo interno do vestiario, pero se levo aquí cinco tempadas será porque algo estou a facer ben", limitouse a dicir respecto diso.
Máis entusiasmado mostrouse coa nova tempada que se aveciña. "A xente, a directiva e os xogadores estamos moi ilusionados. Temos moi bo plantel", sinalou o cántabro que xa tivo a oportunidade de falar con algúns das novas fichaxes para facilitar a súa adaptación á cidade.
A pesar das boas sensacións que transmite o novo plantel, González é consciente da dificultade que entraña a campaña que está a piques de comezar. "É un formato novo e atractivo. Será máis intenso porque en todas as xornadas xógasche a vida, non se poden perder dous partidos seguidos", advirte exercendo xa como un dos líderes do equipo.
Malia que non se coñece a data do inicio da competición, nin cando poderá volver entrar o público a Pasarón, o extremo ten unha mensaxe para a afección. "Que manteñan a ilusión, porque iso contáxiase ao equipo", declarou destacando a importancia dos ánimos dos fans nos momentos complicados.
A data da volta aos adestramentos do Pontevedra aínda non se coñece, pero este venres parte do plantel pasou as probas do coronavirus e outra parte farao o martes. Se os resultados son bos, a próxima semana volverá rodar o balón para comezar a tempada máis ilusionante.
Relacionadas:
-
Álex González, granate do mes
Por Manu Otero |
-
Mestura de ilusión e preocupación na volta ao traballo do Pontevedra
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Pontevedra 20/21 ponse en marcha
Por Diego Espiño |
-
Que lle falta por fichar ao Pontevedra neste mercado?
Por Manu Otero |
-
VÍDEO - Siareirxs Granates sorprende a Edu cunha emotiva despedida en Pasarón
Por Manu Otero |