Aventureiros e cazadores chegan a un acordo que salva o Pontevedra Raid
Por Diego Espiño
O Club Montañeiros Pontevedra poderá finalmente organizar este sábado unha nova edición do Pontevedra Raid de aventura tras solucionarse in extremis o problema de autorización coa Xunta de Galicia, que dera permiso para realizar unha xornada de caza de xabaril na mesma zona, o monte da Fracha.
"Entendo a postura da persoa que ten que dar a autorización, pero non que nos avisen dese xeito dous días antes"
A organización da proba e os cazadores acordaron delimitar as súas zonas de actuación no monte, como recoñece Manuel Beloso, responsable do raid, "a Xunta lavábase as mans, así que nos puxemos de acordo e delimitamos as zonas para non nos entorpecer e asegurarnos que os deportistas non corrran perigo. Marcaremos nos mapas a zona como prohibida. Entendo a postura da persoa que ten que dar a autorización, pero non que nos avisen dese xeito dous días antes".
A proba, enmarcada dentro da Liga Galega de Raids de Aventura, ten pechada unha inscrición que rolda os 200 participantes de 61 equipos de Galicia, Asturias e Norte de Portugal, que terán que afrontar un percorrido con tramos de bicicleta, carreira a pé e kaiak, ademais de actividades especiais como o rapel ou o tiro con arco.
O Pontevedra Raid comezará ás 10:00 da mañá dende a Illa das Esculturas, que será o centro neurálxico da carreira con varios puntos de control e a chegada.