O Supermercados Froiz, preparado para un novo asalto á Copa de España

Por Redacción

© Grupo Deportivo Supermercados Froiz
Novo exame para o Grupo Deportivo Supermercados Froiz. A escuadra alimenticia participa o vindeiro domingo nunha nova proba da Copa de España, a primeira desde o decreto do estado de alarma. Será en Valladolid co trofeo Memorial Ángel Lozano en xogo.
Con saída ás 10.00 horas desde o paseo central Campo Grande, o pelotón terá 160 quilómetros por percorrer nos que cabe destacar os premios de montaña no alto da Grella, dous pasos polo alto da Garganta, outros dous pasos polo alto de Portillo e outros dous polo alto de Simancas e de Robladillo. Todos eles de terceira categoría.
A pesar das subidas a estes portos, trátase dunha carreira relativamente cha e con subidas non demasiado duras. Aínda así, todo dependerá da velocidade do pelotón, que pode provocar un corte decisivo para a vitoria. A meta está prevista para as 14.00 horas con chegada na Cúpula do Milenio.
Por parte do equipo galego tomarán a saída: Adrián Barros, Abel Franco, Guillermo García, Iuri Leitao, Aarón Mariño, Jorge Suárez e Víctor Romero.