Convertir o Municipal nun fortín, obxectivo do Teucro ante a visita do líder Gijón Jovellanos
Por Diego Espiño
Despois de perder a pasada semana en Zarauzt, o Teucro intentará recuperar as boas sensacións das dúas primeiras xornadas ligueiras ante o Gijón Jovellanos (sábado 20:00 horas no Pavillón Municipal), o líder da competición e principal favorito para o ascenso de categoría.
Unha das claves para os pontevedreses, que contan coas dúbidas de César Armán e Borja Fernández, será lograr que a defensa volva ao nivel de principio de tempada, un detalle que facilitaría o traballo de Juan Bar. O arxentino converteuse en só tres partidos nun dos referentes do equipo.
"creo que temos potencial para estar mellor do que estamos"
Como ves ao grupo despois de tres xornadas de liga?
As sensacións son boas máis alá de que en tres partidos tivemos dúas derrotas. Encóntrome ben, a gusto, gústanme moito os adestramentos e creo que temos potencial para estar mellor do que estamos.
Resúltache raro ser un dos veteranos do equipo?
Si, son un dos máis grandes, é raro para o meu con 25 anos, pero trato de asumir ese rol e intentar axudar co que sexa, dando algún consello.
Falando dese rol, os teus compañeiros na portaría son dous xuvenís, Tomás Dobarro e Gonzalo García-Alén, que tal con eles?
A pesar de que son mozos, 17 e 16, véxoos con moito futuro, pero sobre todo con moitas ganas de traballar e aprender.
Como ves o traballo defensivo dos compañeiros?
Houbo dous partidos nos que defendemos moi ben, sobre todo en Barcelona, pero aquí con Torrelavega tamén, sentinme moi cómodo con 6-0 e co 5-1, pero o sábado pasado foi raro, non nos saíron as cousas en ningún aspecto defensivo, ofensivo ou individual. Ese partido tómoo como para aprender dos erros e esquecelo o antes posible.
Vén ao Municipal o Gijón Jovellanos, Que partido esperades?
O Gijón reforzouse con xente de moita experiencia e ten moita potencia, pero creo que se xogamos como mellor sabemos podemos gañarlles.