Samertolameu sentencia a Liga Galega de Traíñas e Mecos queda ao bordo do descenso
Por Redacción
A Liga Galega de Traíñas quedou sentenciada esta fin de semana. Samertolameu asegurouse matematicamente o título tras vencer na XXXI Bandeira Concello de Moaña, o seu oitavo triunfo da temporada. E na loita pola permanencia, Mecos está case desahuciado. A falta dunha única proba, os do Grove teñen tres puntos de desvantaxe con respecto a Cabana. Os ferroláns quedaron por diante deles unha vez máis.
Samertolameu non o tivo nada doado para que a festa fose completa diante da súa parroquia. Cabo da Cruz recuperou a súa mellor versión e deulle emoción ata o final á quenda de honra. Finalmente venceu por catro segundos de diferencia aos de Boiro. Completaron esta quenda Chapela, que comezou con moita forza e foi terceira e Amegrove que rematou cuarta rebaixando nun segundo o tempo que marcou Mugardos na primeira serie.
No duelo pola permanencia, Mecos-Mondariz saiu con moita forza e no primeiro longo foi catro segundos máis rápida que A Cabana. Pero os ferroláns protagonizaron unha notable reacción dende o inicio do segundo parcial, ante a que nada puido facer 'A Mequiña'. Por 20 segundos impúxose A Cabana nas boias de meta ao seu rival directo e conseguiu meter polo medio a Vilaxoán.
Agora na táboa, A Cabana ten unha renda de tres puntos sobre os do Grove cando soamente resta unha xornada, a do vindeiro domingo en Cabo da Cruz. Teñen 19 puntos por 16 de Mecos-Mondariz. Por arriba, Samertolameu, xa campiona, suma 78 puntos, once máis que Cabo da Cruz. Chapela, terceira con 59 puntos e Amegrove, cuarta con 50, completan os postos de honra. Vilaxoan é sexta con 33 puntos, a cinco puntos de Mugardos.