Javi Gómez Noya e Saleta Castro participan nunha travesía a nado solidaria en Oleiros
Por Redacción
Co calendario competitivo reducido á mínima expresión, calquera opción é boa para seguir collendo ritmo e probar o estado de forma.
É o que deberon de pensar algúns triatletas como dous dos máximos representantes pontevedreses deste deporte a nivel profesional, Javi Gómez Noya e Saleta Castro, que este domingo tomaron parte da Travesía Costa na localidade coruñesa de Oleiros.
Tratábase ademais dunha proba solidaria, xa que se expuña a beneficio da Cociña Económica da Coruña.
Iván Raña ou Tamara Gómez foron outros dos triatletas presentes na travesía, que contaba con tres distancias (6.000, 3.000 e 2.000 metros) e saídas graduadas para adaptarse á situación de alerta sanitaria, desde as praias de Mera, Santa Cruz e Bastiagueiro e chegada no areal de Santa Cristina.
"Cremos que, máis que nunca, o exemplo de civismo, cordialidade e compañeirismo entre deportistas foi exemplar. Unha experiencia de proba deportiva distinta polas circunstancias, á que todos nos soubemos adaptar", sinalou a organización tras celebrar con éxito a xornada deportiva.