Triste peche de pretempada dun Pontevedra que perde (1-0) fronte a un bo Unión Grove
Por Ramiro Espiño
Sen actitude nin intensidade, o Pontevedra volveu repetir erros de encontros anteriores, pechando a pretempada de forma triste cunha nova derrota fronte a un rival de categoría inferior, como o Unión Grove, pero que se tomou o partido máis en serio e foi xusto vencedor, podendo mesmo obter un resultado máis amplo.
De novo os xogadores teoricamente chamados a gañar un oco no primeiro equipo deixaron ben claro que están moi lonxe do nivel mínimo esixible para un Pontevedra que debe aspirar ao máximo. Pero o peor é a imaxe do equipo e da entidade, unha vez máis deixada en evidencia nunha pretempada con máis sombras e dúbidas que luces.
Abonde dicir que os granates unicamente crearon perigo en dúas ocasións, a primeira aos 3 minutos, nun lanzamento directo de corner de Moreira, que se estrelou no poste, e a segunda nunha chegada de Tomás, minuto 9, que mandou o balón ao lateral da rede. Dende aí ata o final nin un só remate entre os tres paus da meta local. Nin unha sóla xogada de mérito que salientar. Cunha distancia de liñas sideral, e cunha falta de actitude inadmisible en determinados xogadores que o técnico Nando debe erradicar de inmediato.
Claro que é pronto para extraer conclusións, pero se polo visto nos últimos partidos houbese que facelo, sería para botarse as mans á cabeza, porque o equipo segue dando alarmantes mostras de debilidade en defensa, falta de creación no centro do campo, e absoluta carencia de remate. Queda unha semana por diante antes de comezar a liga, e moito traballo por facer.
Quizais o primeiro sexa reducir o numeroso grupo de xogadores co que se veu traballando, algúns dos cales, entre os que podemos incluír algún que outro flamente fichaxe, deixaron claro que a súa achega ao equipo resta máis que suma.
Non se trata de quitar méritos ao rival, que se encontrou un Pontevedra de novo con moitas e importantes ausencias. Todo o contrario. O equipo adestrado por Borja Burgos sacoulle as cores aos granates a base de pouta, intensidade e posicionamento no campo. Tras as dúas únicas ocasións visitantes, xa comentadas, soubo irse arriba, avisar por medio de Jandro, minuto 12, e anotar o único gol do partido nun novo fallo defensivo dos pontevedreses. Marcou Pichi, cun bo disparo raso e cruzado, no minuto 20, como o puideron facer Marcos, tras gañar as costas con facilidade aos centrais visitantes, minuto 47, ou Rafa, cun disparo dende a frontal, no 64, que rexeitou con apuros un novamente inseguro Paco.
Mentres, o Pontevedra sesteaba. A entrada de Benja, Javi Otero, Fran Fandiño e Richi, aínda que intentaron poñerlle un pouco de ritmo ao xogo, de pouco serviu, pois os seus compañeiros decidiran saltar ao campo, pero non para xogar, se non para pasearse e aburrir ao escaso público asistente. Entre iso e o tradicional carrusel de cambios, o asubío final foi unha bendición para todos.
UNIÿN GROVE (1): Andro; Anxo, Campos (Sáez, min. 65), Amexeiro, Dani (Iván Lois, min. 65); Martín; Jandro (Rafa, min. 65), Pénjamo (Gabri, min. 65), Mateo, Pichi (Futre, min. 85); e Marcos (Rodri, min. 71).
PONTEVEDRA, C.F.: (0): Edu (Paco, min. 46); Caco (Pablo, min. 73), Yago Vázquez, Brais, Alberto Rey; Pablo Lede (Benja, min.. 46), Moreira (Javi Otero, min. 46); Javi Nogueira, Tomás, Ismael (Richi, min. 65); e Luismi (Fran Fandiño, min. 65).
Árbitro: Daniel Vilar (Pontevedra), auxiliado nas bandas por Carlos Fontán e Luis Lois. Amoestou a Benja e Javi Otero.
Goles: (1-0) Minuto 20: Pichi.
Incidencias: Campo Municipal Monte da Vila (O Grove). Apenas 100 espectadores. Antes de comezar o partido o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez García, xunto co presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán e o presidente do Unión Grove, José Manuel Otero, procederon á inauguración oficial do novo cesped do que foi dotado o campo grovense.