O Leis sentencia na prórroga e está un paso máis preto do ascenso (3-5)
Por Almu Dapena
Este sábado chegou o momento da verdade para o Leis Pontevedra. Despois de 4 meses afastados do terreo de xogo, o conxunto adestrado por Mikel Diestro desprazouse a Benavente para disputar o primeiro partido da fase de ascenso a Segunda División de fútbol sala ante o Albense.
O Leis salgou cunha defensa moi agresiva en tres cuartos de pista, pero os nervios notábanse e condenárono aos tres minutos de xogo. Un erro en campo propio provocou que Cristian cazase o balón na área dos de Pontevedra e mandou o balón á rede na primeira ocasión que tivo.
Co marcador en contra, a reacción do Leis non chegaba e vía como o seu rival estaba cada vez máis fortalecido con presión moi alta. O Albense estaba máis cómodo na pista sen deixar respirar un Leis que se estaba vendo traizoado polos nervios.
O balón non tiña dono. O conxunto que xogaba con local buscaba aguantar o marcador ata chegar ao descanso, mentres que en fronte víase que os de Pontevedra, condicionados con 4 faltas en contra, xogaban os seus mellores minutos podendo lograr o empate por medio dunha xogada ensaiada de córner.
Quedaban cinco minutos para o descanso e o Leis facía a súa quinta falta, véndose obrigado a baixar o ritmo defensivo para non provocar unha sexta. Un minuto despois, os de Castela fixeron o mesmo, con todo, o partido seguiu co mesmo ritmo a pesar do risco de ceder un dobre penalti.
A falta de 11 segundos para o final da primeira metade, Mikel Diestro pediu tempo morto para tentar aproveitar a xogada en ataque dos seus, pero o balón despexouno a defensa rival.
Despois do paso polo vestiario, o Leis saíu mellor e tivo a mellor ocasión do partido aos 2 minutos enviando o balón ao pau da portería rival e, un minuto despois, chegou o gol. Santi Valladares mandou o esférico a Cley que se encargou de igualar a contenda.
Tórnalas cambiaron totalmente e os de Pontevedra fixéronse co dominio, realizando un bo xogo sen dar ningún balón por perdido e de novo Cley, definiu na escuadra da portería de Carlos para poñer o 1-2 no marcador cando se chegaba ao ecuador da segunda metade.
O Albense buscou sobrepoñerse ao marcador en contra e conseguiuno. De novo, nunha xogada ensaiada, igualaba a falta de 8 minutos para o asubío final.
Chegaban os minutos decisivos e os de Castela daban a volta ao luminoso despois dunha xogada con paredes rápidas na área rival, obrigando ao Mikel Diestro a pedir tempo morto e optar polo xogo de cinco.
O Leis buscaba o empate e de novo, logrouno. A falta de 2 minutos para o final un tiro de falta directa por mediación de Berto, que coa súa zurda poñía o 3-3 co que terminou a segunda metade, levando o partido á prórroga.
Despois do pequeno descanso, Morais tivo a primeira aos 5 segundos para o Albense, pero o balón foise por fóra da portería do Leis.
O cansazo e a calor facían efecto nos xogadores de ambos os equipos pero a fortuna chegou en forma de contragolpe para o Leis. Unha xogada rápida nun dous contra un provocou que a defensa rival enviase o balón á súa propia rede e decantar o partido a favor dos de Mikel Diestro.
Co 3-4 no partido, os casteláns buscaban o empate, pero o Leis volvía subir a defensa a tres cuartos de campo para non deixar xogar ao rival e chegar ao descanso da primeira parte da prórroga co marcador a favor, quedando por diante con 3 minutos nos que todo podía cambiar.
A segunda parte empezou a favor do Leis, que viu como o Albense quedaba cun xogador menos e cinco faltas ás súas costas. Así, os de Pontevedra aproveitaron a superioridade para aguantar o balón e ter a posesión en campo rival, buscando o oco que lle dese a opción de sentenciar o encontro.
Desta maneira, e a falta de minuto e medio para a conclusión, os de Mikel Diestro puxeron o 3-5 nun partido no que o cansazo e a calor foi significante.
Con esta vitoria, o Leis Pontevedra faise oco na gran final desta primeira fase do play-off polo ascenso prevista para o 22 de xullo ás 20:00 fronte ao anfitrión, o Benavente.
Relacionadas:
-
O Atlético Benavente esperta o Leis do soño de ascender a Segunda (6-2)
Por Diego Espiño |
-
O Leis conxúrase para eliminar o Benavente na pelexa polo ascenso: "A un partido puede ganar cualquiera"
Por Diego Espiño |
-
Apoio municipal para o Leis antes da batalla polo ascenso
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Leis celebra a súa asemblea de socios de maneira telemática
Por Redacción |
-
O Leis ata o seu máximo goleador para a próxima tempada
Por Redacción |
-
Primeiros movementos no Leis pensando na próxima tempada
Por Redacción |