Vitoria do Coruxo (0-1) sobre o Pontevedra nun partido tedioso e aburrido
Por Ramiro Espiño
Se o partido entre Pontevedra e Coruxo debía servir para afinar a posta a punto de cara ao próximo comezo ligueiro, a verdade é que polo ofrecido sobre o cesped de Pasarón ambos os dous equipos necesitarían un mes máis de traballo. Certo que se trata dun amigable de pretempada, pero tamén que se hai que xulgar polo visto nesta ocasión, as conclusións non poden ser o que se di optimistas.
Sopor, aburrimento, escaso xogo, menos remate a porta ou xogadas de perigo. Foron poucos os espectadores congregados nas bancadas, pero aos que o fixeron habería que darlles un premio por non marchar bastante antes de que finalizase o partido.
Primeiro tempo sen dominador claro, se ben o Coruxo tivo a primeira oportunidade nada máis comezar, cando Pablo desviou cara á súa propia porteria un balón enviado por Centrón, que sacou Miguel antes de que Dani Gómez puidese remachar.
A resposta do Pontevedra faríase esperar ata o minuto 20, cando un gran centro de Fran Fandiño o remata Richi, pero Costas logra taponar o remate, evitando o gol. E pare vostede de contar.
O resto do primeiro acto transcorreu entre o bocexo e a sesta directa, da que unicamente sacou o escaso persoal congregado nas bancadas o asubío do árbitro sinalando o descanso, cos porteiros convertidos en espectadores de primeira fila e as portarías de adorno.
Con algo máis de ritmo comezou a segunda parte, e no minuto 46 Moreira manda ás nubes, só no segundo pau, un bo centro de Fran Fandiño. Fallou o Pontevedra en ataque, e volveu facelo en defensa pouco despois, un mal endémico nesta pretempada, na que os regalos defensivos foron a causa da maior parte de goles encaixados. Así, dun corner mal lanzado, pero peor defendido, aprovéitase Yago, só no segundo pau, para bater a Edu e poñer por diante o Coruxo no seu primeiro remate a porta.
O gol volveu poñer cloroformo no partido, por se o persoal non estivese xa o suficientemente aburrido. Os intentos do Pontevedra chocaban a medias entre a súa propia incapacidade de xerar xogo, nun centro do campo onde tanto Iago Paz coma David García estaban perdidos, e a muralla plantada polo técnico visitante Antonio Gómez, diante do seu area, con dúas liñas de catro, máis o pivote defensivo exercendo de terceiro central, deixando a faceta ofensiva confiada á posibilidade dunha contra.
Nando fai un triplo cambio buscando transformar o dominio territorial en ocasións, facendo debutar a Pablo Lede, e dando entrada a Javi Otero e Benja. Pero a decoración non cambia e os constantes cambios que se sucedían dende ambos os dous bancos só servían para romper o escaso ritmo dun partido insufrible.
Unha falta de Álex Rey que se estrelou no poste, supuxo o segundo tiro a porta do Coruxo. Pouco, pero algo máis que un Pontevedra que chegaba á frontal e se perdía nun quero e non podo.
PONTEVEDRA, C.F. (0): Paco (Edu, min. 46); Adrián, Pablo (Yago Vázquez, min. 76), Miguel, David Pérez; Fran Fandiño (Javi Otero, min. 66), Iago Paz (Pablo Lede, min. 66), David García (Emilio, min. 76), Tubo; Richi (Benja, min. 66) e Kevin (Moreira, min. 46).
CORUXO, F.C. (0): Fernando; Costas (Damiá, min. 46), Alberto García, Yago, Claudio (Álex Rey, min. 46); Cifuentes (Pedro Crespo, min. 46), Antúnez (Besada, min. 46); Rafa Mella (Chaco, min. 66), Sergi, Centrón (Pardavila, min. 74); e Dani Gómez.
Árbitro: Rodríguez Barreira (Vigo), auxiliado nas bandas por Vázquez Martínez e Álvarez Domínguez. Amoestou a Pablo e Antúnez.
Goles: (0-1) Minuto 49: Yago.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Trofeo Hotel Campaniola. Uns 300 espectadores. Partido televisado por TVG2.