Convocadas 160 prazas para a tempada 20/21 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Por Redacción
O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución na que a Secretaría Xeral para o Deporte establece as bases reguladoras para a concesión de prazas de tecnificación e rendemento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (CGTD) para a tempada 2020/2021.
En concreto a Xunta de Galicia convoca un total de 160 prazas para os grupos de tecnificación (103) e de rendemento deportivo (57), cuxa duración será desde o 15 de setembro de 2020 ata ao 31 de xullo de 2021, exceptuando o grupo de tecnificación que finalizará a última semana do período lectivo.
Como medida excepcional derivada da pandemia de coronavirus, valorarase aos deportistas en función dos seus resultados nos tres últimos anos (2018, 2019 e 2020), tentando desta forma que a suspensión das competicións non afecte ás solicitudes.
Entre as 103 prazas do grupo de tecnificación, reservadas para deportistas nados entre os anos 2003 e 2006, habilitaranse 86 bolsas de residentes e 17 de deportistas externos (que residan a menos de 3 quilómetros do centro). Pola súa banda nas 57 prazas do grupo de rendemento son para deportistas maiores de 18 anos, das que 12 serán para residentes e 45 para externos.
Ademais a Secretaría Xeral para o Deporte reserva unha porcentaxe de máximo o 10% das prazas, que poderá cubrir durante todo o curso académico en función de situacións non recollidas na resolución.
As prazas ofertadas no CGTD distribuiranse por deportes da seguinte maneira: atletismo lanzamentos: 6 prazas (5 residentes, 1 externo); bádminton: 7 prazas (6 residentes, 1 externo); judo: 10 prazas (8 residentes, 2 externos); karate: 4 prazas (4 residentes); loita: 10 prazas (8 residentes, 2 externos); natación e augas abertas: 10 prazas (8 residentes, 2 externo); piragüismo slálom: 6 prazas (5 residentes, 1 externo); piragüismo augas tranquilas: 20 prazas (17 residentes, 3 externos); remo: 6 prazas (5 residentes, 1 externo); taekwondo: 10 prazas (8 residentes, 2 externos); tríatlon: 8 prazas (7 residentes, 1 externo) e vela: 6 prazas (5 residentes, 1 externo).
Relacionadas:
-
Horarios burbulla e restrición de espazos, medidas do CGTD para o inicio do curso académico
Por Almu Dapena |
-
O CGTD fai pública a lista de solicitantes mentres prepara o inicio do novo curso
Por Redacción |
-
A Sociedad Gimnástica regresa á competición tras o parón pola Covid-19
Por Redacción |
-
O Equipo Nacional concentra en Madrid a Alicia Bouzas, nadadora do Galaico
Por Redacción |
-
O CGTD acolle a sesión de primeiros auxilios do curso de adestradores deportivos nivel 1 de boxeo e karate
Por Redacción |
-
A Escola Galega do Deporte volve á actividade no CGTD
Por Redacción |
-
O "raro" regreso dos atletas da Gimnástica á pista do CGTD
Por Redacción |
-
O CGTD reabre pero os deportes de contacto quedan fóra
Por Manu Otero |
-
O CGTD avanza cara a nova normalidade
Por Redacción |
-
O CGTD completa a súa primeira semana de desescalada con 64 deportistas autorizados
Por Manu Otero |