Teresa Abelleira inicia oficialmente a súa etapa como xogadora do Real Madrid
Por Diego Espiño
Probablemente non fose o seu primeiro día soñado, xa que non se produciu unha presentación individual das fichaxes e o anuncio chegou case ao tapado, coincidindo cun partido do primeiro equipo masculino, pero iso non resta importancia ao paso adiante que supón para a súa carreira.
Teresa Abelleira é xa oficialmente xogadora do recentemente creado Real Madrid, equipo que absorbeu e ocupado a praza na Primeira División do Tacón e que conta co respaldo dun dos clubs con máis recursos do planeta.
A futbolista pontevedresa pasou este luns o recoñecemento médico xunto ao resto do novo persoal madridista no Hospital Universitario Sanitas La Moraleja. É o seu primeiro acto coa camiseta do Real Madrid, ao que chega tras destacar no Deportivo e ser unha das revelacións da tempada na súa estrea na máxima categoría.
"Grazas por confiar en min para esta nova aventura. Chego con moitas ganas de empezar a traballar para seguir crecendo e con moita ilusión no que está por vir", sinalou Tere en redes sociais despois de facerse oficial a súa fichaxe.
GRACIAS @realmadridfem por confiar en mi para esta nueva aventura. Llego con muchas ganas de empezar a trabajar para seguir creciendo y con mucha ilusión en lo que está por venir. pic.twitter.com/BtBa2iL2Ya
— Teresa Abelleira (@teresabelleira) July 13, 2020
Internacional en categorías inferiores e sinalada como unha das grandes promesas do balompé nacional Abelleira é un dos oito fichaxes do conxunto branco, que aspira a crecer para situarse entre os mellores equipos da liga. Así, xunto a ela asinaron polo equipo da capital xogadoras como Misa Rodríguez, Maite Oroz, Marta Cardona, Corredera, Ivana Andrés, Olga Carmona e Kenti Robles.
Co anuncio do inicio da pretempada e os pertinentes recoñecementos o Real Madrid puxo en marcha o seu proxecto sénior feminino, que estará dirixido desde o banco por David Aznar e contará con 22 futbolistas en nómina.