Inicio inminente para a remodelación integral do campo de fútbol de Mirallos en Moraña
Por Redacción
O inicio da reforma integral do campo de fútbol de Mirallos, en Moraña, é cuestión de días.
Segundo informou o goberno local a empresa adxudicataria (Sixteca 2016) das obras vai comezar esta actuación coa demolición das estruturas existentes, un inicio que só está pendente dunha última autorización para a retirada idónea dos entullos.
Previamente os trámites iniciáronse coa firma da acta de replanteo, a retirada por parte do Moraña CF de todos os materiais que gardaba nestas instalacións e a colocación do cartel informativo.
O proxecto de remodelación do campo de fútbol conta cun orzamento de 452.056 euros financiados a través da Xunta de Galicia, con quen o Concello de Moraña asinou un convenio de colaboración.
As obras contarán cun prazo de execución estimado de oito meses, e comezarán coa derriba da bancada e a posterior construción dunha nova con capacidade para 300 espectadores sentados. Pola súa banda os vestiarios pasarán a contar con 156 metros cadrados de extensión, e está previsto habilitar un edificio auxiliar que dispoñerá dun ximnasio na planta baixa e dunha cafetería na primeira planta desde onde haberá visión do terreo de xogo.
Ademais dotarase ao campo dun novo sistema de rega, arquetas, tanque de auga, novo sistema de iluminación e un novo grupo eléctrico.
A actuación completarase coa urbanización das zonas anexas ao campo e ao acceso existente.
Relacionadas:
-
O campo de fútbol de Mirallos estará renovado a mediados de 2022
Por Redacción |
-
Moraña modernizará as instalacións do campo de herba natural de Mirallos
Por Redacción |
-
Moraña reforma as pistas que conectan Souto, Aldea da Fonte e Grixó
Por Redacción |
-
Moraña recibirá axuda da Xunta para renovar os parques industriais de Afieiras e Mirallos
Por Redacción |
-
O Concello de Moraña ten preparada a remodelación do Campo de Mirallos
Por Redacción |