O utillero do Arosa lesionado tras caer da cuberta da Lomba rebaixa en case 200.000 euros a súa petición de indemnización
Por Redacción
O xulgado do social número 3 de Pontevedra acolleu este venres a vista sobre a petición de indemnización de José Manuel García Bello, empregado do Arosa que en 2015 resultou lesionado tras unha caída desde o alto dunha bancada do estadio da Lomba, en Vilagarcía.
Xulgada hai meses a parte penal da acusación, pechada cun acordo que supuxo unha multa de 1.600 euros para o presidente arosista Manuel Abalo, nesta vista decídese a indemnización polas lesións sufridas polo utillero.
Aínda que non era aínda decisiva a xornada, ao non quedar visto para sentenza á espera de máis testemuños, si se produciu unha importante rebaixa nas peticións económicas, xa que inicialmente pedíanse 425.000 euros de compensación e tras os informes periciais esta cantidade rebaixouse en case 200.000 euros.
As partes que figuran como demandadas no caso, é dicir, o Arosa, Manuel Abalo, o Concello de Vilagarcía e a Fundación Municipal de Deportes ao tratarse A Lomba dunha instalación municipal, declaráronse como incompetentes sobre as causas do accidente, mentres que a aseguradora do club tamén defende a súa exoneración do caso.
De feito o club arlequinado tería defendido na súa declaración que foi García Bello o que decidiu subirse á cuberta antes de que cedese unha uralita provocando a súa caída desde unha altura considerable.
A determinación da responsabilidade será clave neste asunto, pois se o xuíz determina que é o Arosa o único responsable deberá facerse cargo dunha importante indeminación que non cubrirá na súa totalidade a póliza de seguros.