Baltar acolle o partido entre Portonovo e Pontevedra en disputa do Trofeo Leopoldo González Pombo
Por Ramiro Espiño
A pouco máis xa dunha semana para o comezo ligueiro, o Pontevedra afronta o que será o seu antepenúltimo partido de preparación, coa disputa do XLIII Trofeo Leopoldo González Pombo, todo un clásico dos veráns deportivos granates.
O seu rival será o Portonovo, anfitrión e organizador do trofeo, no campo de Baltar. Un partido que se disputará o xoves, a partir das 19:30 horas, e no que Nando aproveitará para seguir dando minutos aos homes do filial que veñen traballando co primeiro equipo, reservando o once máis competitivo para xogar o próximo sábado fronte ao Coruxo.
Polo menos esa é a intención do técnico, que non obstante se leva todo o equipo para que os homes que non xoguen aproveiten o día realizando unha sesión de adestramento antes do partido.
Claro que o partido ten alicientes de sobra para os afeccionados. Primeiro pola posibilidade de que xogadores recén fichados, como Javi Otero e Benja, disputen os seus primeiros minutos como granates, tras ter estado a traballar en todo o que levamos de pretempada á marxe do grupo, con problemas de pube, e despois por ver en acción a un Portonovo que, da man de Ricardo Fernández, mantén os seus xogadores claves da pasada tempada, aspirando a un ascenso que se lle escapou de forma sorprendente cando parecía que o tiñan na man.
Precisamente estes dous equipos enfrontáranse o verán pasado, neste mesmo torneo, e naquel entón o Portonovo deixara en evidencia a un Pontevedra que xa deixou ver bastantes dos defectos que tan caro lle custarían na liga, vencendo os arlequinados por 3-1.