Pablo Lede: "Creo que é un proxecto ilusionante, é o equipo da miña cidade e é algo que me motiva"
Por Diego Espiño
Despois de catro tempadas xogando en Segunda B, nas filas de Celta B e o último ano no Sporting de Gijón B, Pablo Lede recalou no Pontevedra coa ilusión de triunfar na casa.
O centrocampista de Campelo, formado no Salgueiriños antes do seu salto ao Celta de Vigo, asegura chegar ao club de Pasarón para loitar polo ascenso: "estiven catro anos en Segunda B pero creo que o Pontevedra é un equipo de superior categoría, non para estar en Terceira División. Creo que é un proxecto ilusionante, é o equipo da miña cidade e é algo que me motiva, sempre tiven ganas de xogar neste equipo".
Pablo Lede: "Con Milo xoguei un tempo de dobre pivote pero son máis de chegada que de contención"
Lede asina co club granate por unha tempada e defínese a si mesmo como "un medio centro ofensivo e con chegada", aínda que xa xogou en posicións máis atrasadas cando Milo Abelleira o adestraba no Celta B: "con Milo xoguei un tempo de dobre pivote pero son máis de chegada que de contención".
O futbolista, que xa adestrou cos seus novos compañeiros na tarde do luns, asegura que contaba con algunha oferta de superior categoría, pero se decantou pola proposta granate, entre outras cousas, polas aspiracións da entidade: "o equipo que está a formar o Pontevedra é para estar arriba, pero hai que ir pouco a pouco, partido a partido,".
Tras a incorporación de Pablo Lede, o Pontevedra busca agora dous xogadores máis para reforzar a defensa, principalmente o lateral esquerdo, e a dianteira antes de dar por pechado oficialmente o plantel.