Sandra Entenza renova e convértese na décima xogadora do Arxil
Por Redacción
O Arxil xa ten a súa décima xogadora. Coa presenza no equipo como base de Carla Fernández, as escoltas Jara Tuda e Andrea Carrera, como aleiros Cristina Diaz-Pache, María Lago, María González Centeno e María Quiroga, e no pivot Olga Fedorova e Fany Lopéz, faltaba unha xogadora que puidese alternar no posto de base e de escolta e esa xogadora é Sandra Entenza Casalderrey.
A xogadora pontevedresa, que por motivos de estudos decidira hai un par de tempadas tomar un respiro, volveu ás canchas, que nunca chegou a abandonar de todo, xa que seguiu entrenandose de xeito regular. No pasado curso, o do seu regreso, empezou con moitas dúbidas pero a medida que foron pasando os partidos foi aclimatándose de novo ao ritmo da competición. A partir do nadal a súa achega ao equipo foi incrementándose ata converterse nunha xogadora que achegou o que se esperaba dela.
Xogadora zurda, cun bo tiro exterior e intensa en defensa, pero sobre todo outra xogadora máis da canteira pontevedresa. Na súa etapa de xogadora de base proclamouse campioa galega en todas as categorías, dende infantil ata sénior, logrando ascender co equipo do Arxil Mafari Café á primeira division, e como xogadora sénior estivo moitas tempadas no equipo de Liga Feminina 2, sendo unha das pezas importantes dentro do equipo.
Agora o traballo da directiva céntrase en pechar as opcións dun pivot e a renovación da súa capitá, Ana Martín, ademais da do corpo técnico, xa que Mayte Méndez, Milagros Sanmartín e o seu equipo de traballo, aínda que están ao corrente de todas as renovacións, tomaron un descanso e aínda non responderon á directiva se continuan ou non, pero confíase na súa continuidade unha tempada máis.
O equipo comezará o traballo o xoves 26 de agosto no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.