Unha celebración do ascenso a Asobal en diferido para o Cisne
Por Manu Otero
Tres meses despois de disputar o seu último partido e un mes despois de facerse oficial o seu primeiro e histórico ascenso a liga Asobal, o Cisne comeza os actos de celebración da súa xesta. Un festexo en diferido por culpa da pandemia da Covid-19 que privou a un plantel e club con selo pontevedrés de celebrar o éxito sobre a cancha.
O primeiro evento tivo lugar este xoves no Teatro Principal de Pontevedra, onde plantel, corpo técnico e directiva foron recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; así como unha ampla representación do equipo de goberno. "O Cisne é un orgullo para a cidade, sodes un equipo especial formado por xente de Pontevedra, da provincia e de Galicia", destacou o rexedor.
O responsable do departamento de Deportes desfíxose en eloxios cara ao equipo durante o seu breve discurso dunha "cita obrigada atrasada pola Covid-19". Fernández, afeccionado ao balonmán, encomiou o estilo e filosofía do club. "Erades o mellor equipo da categoría, daba gloria veros xogar, conseguistes algo inesquecible", abundou para rematar augurando unha longa etapa dos brancos na máxima categoría do balonmán español. "Gozade da nova categoría e xogando ao mesmo nivel que este ano non ides pasar apuros, teremos Cisne para rato en Asobal", rematou.
Aos posibles apuros que pasará o club nesta nova era referiuse o presidente da entidade, Santi Picallo. "Non queremos morrer de éxito, o noso proxecto deportivo está enfocado na canteira", afirmou cos pés no chan e convencido de que o salto de categoría, que obrigará a incrementar o orzamento do club, non poderá hipotecar o futuro nin o espírito da entidade.
Tras agradecer a invitación por parte do Concello, "era de xustiza estar aquí", puntualizou; Picallo recoñeceu que xamais soñara con alcanzar cotas tan altas co Cisne. "Pensar que podiamos chegar aquí era máis que un soño, e que nin o soñabamos", recoñeceu lembrando o que lle dixo unha afeccionada tras lograr o ascenso. O obxectivo non será a permanencia, senón "deixar o nome de Pontevedra o máis alto que poidamos".
Sobre a xestión deportiva e económica do club falou Fernández Lores, poñendo ao Cisne como exemplo para outros clubs da cidade. "Hai algúns equipos cos que hai que estar pendentes cada certos anos de estar aí para que non desaparezan", declarou sen citar a ningún equipo pero en clara alusión ao outro equipo de balonmán da cidade que volve verse inmerso en problemas institucionais e económicos.
Rematou o seu discurso o mandatario nacionalista apelando ao orgullo que supón para os pontevedreses e galegos ter equipos na elite. "O deporte eleva a autoestima do país ou a cidade á que representades", sinalou antes de lanzar unha mensaxe de ánimo e felicitación á directiva. "Levades unha traxectoria de xestión deportiva coherente e iso non é fácil. Sei que se vai manter esa coherencia e iso dános seguridade de que este proxecto non acabará aquí", concluíu.
Pero as celebracións desta fazaña aínda non acabaron. Sempre respectando as normativas sanitarias desta nova normalidade, a directiva busca un lugar no que poder celebrar a tradicional cea de equipo para pechar a tempada e tamén un espazo no que poder compartir a alegría do ascenso con toda a afección.