O Teucro presenta a Irene Vilaboa: "Non a contratamos por ser muller, contratámola pola súa valía"
Por Diego Espiño
Na Sociedad Deportiva Teucro "sorprendeunos moitísimo a repercusión que tivo" a contratación de Irene Vilaboa como responsable do equipo de División de Honra Prata, ao ser a primeira muller que ocupa este cargo nas dúas principais categorías nacionais masculinas.
Así o asegurou na presentación oficial da adestradora Jose Ameijeiras, representante da xunta xestora, antes de explicar que "non contratamos a Irene por ser muller, contratámola pola súa valía".
A preparadora viguesa, acompañada da súa irmá Rosa que exercerá de axudante e apoiada polo propio Ameijeiras e o director deportivo Milucho Pintos, reiterou na súa primeira comparecencia pública o declarado tras facerse oficial a súa fichaxe, que non se ve como un exemplo e si simplemente como "unha adestradora de balonmán".
"Eu non son noticia para nada. Non me gusta a repercusión polo que é, porque eu non entendo que unha muller teña que ir abrindo portas", defendeu Vilaboa, para quen "adestradoras de balonmán hai moitas aínda que quizais máis na base que na elite", ante as reticencias de moitos dirixentes.
A nivel estritamente deportivo, a nova adestradora do vicedecano do balonmán nacional explicou que o seu principal reto "é chegar a tempo para instaurar un estilo de xogo" antes de que comece a tempada e co que "sexamos capaces de manter a categoría nunha liga tan esixente como a División de Honra Prata".
Nese aspecto, sobre as súas intencións, Irene Vilaboa declarou que "sempre me gustou un estilo de xogo rápido. A partir da defensa montar un equipo rápido e que sorprenda".
Non se lle escapa ademais a delicada situación económica coa que chega ao Teucro, pero "aínda que sexa complicada non creo que o sexa máis que a do resto dos equipos", defendeu.
REDUCIÓN ORZAMENTARIA
Precisamente a importante redución orzamentaria que prepara a xunta xestora teucrista estivo moi presente na presentación, celebrada no salón de actos do renovado edificio da Xunta en Benito Corbal. Así, Jose Ameijeiras recoñeceu que "vai ser un ano complicado tanto a nivel deportivo como económico".
Pola súa banda Milucho Pintos defendeu a elección de Irene Vilaboa sinalando que buscaban a alguén que "entendese a idiosincrasia do club e as limitacións orzamentarias que imos ter".
Pintos explicou ademais que o obxectivo actual do Teucro "debe ser claramente a estabilidade" e para iso sinalou como punto importante "remodelar o que temos" e virar cara a un modelo no que "deberiamos nutrirnos de xogadores da canteira e de máis xogadores galegos".
Relacionadas:
-
Irene Vilaboa é recibida na Subdelegación do Goberno como referente da igualdade no balonmán
Por Redacción |
-
O equipo sénior feminino do Teucro convértese nunha realidade
Por Diego Espiño |
-
Caüe Herrera, terceira peza confirmada para o Teucro 20/21
Por Redacción |
-
Sorteado o calendario da Primeira Nacional de balonmán sen o filial do Teucro, que renuncia á súa praza
Por Diego Espiño |
-
Desvelado o calendario da División de Honra Prata, con inicio para o Teucro na casa fronte ao San Pablo Burgos
Por Redacción |
-
Orzamento reducido e permanencia, obxectivos do Teucro para unha nova e "moi competida" División de Honra Prata
Por Manu Otero |
-
A Xunta destaca o traballo do Teucro en favor da igualdade por ser pioneiros en contratar unha adestradora
Por Redacción |
-
O Mundial Junior de balonmán celebrado en Pontevedra, todo un éxito organizativo e mediático segundo a Federación
Por Almu Dapena |
-
Cisne e Teucro xa coñecen as datas de inicio da Liga Asobal e da División Honra Prata
Por Almu Dapena |
-
Un grupo de ex-xogadoras do Teucro traballa na creación dun equipo sénior feminino
Por Diego Espiño |
-
O Teucro valora non sacar equipo en Primeira Nacional debido á redución orzamentaria
Por Almu Dapena |
-
Irene Vilaboa chega ao Teucro con "ilusión" e sen verse como pioneira: "a pregunta é por que non hai máis mulleres neste posto"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro confirma a fichaxe de Irene Vilaboa, primeira muller que dirixirá un equipo na División de Honra Prata masculina
Por Diego Espiño |
-
A Xunta Xestora do Teucro pospón sen data as novas eleccións á presidencia
Por Diego Espiño |
-
Irene Vilaboa é a elixida para dirixir o Teucro a próxima tempada
Por Diego Espiño |