Martín Villar adxudícase unha Subida Cidade de Pontevedra marcada pola calor
Por Diego Espiño
A XVI Subida Cidade de Pontevedra, proba do Campionato Galego de Montaña, decidiuse nun emocionante e apertado final da última manga en favor de Martín Villar, piloto do Equipo Integral MotorSport.
Villar proclamouse vencedor por diante de Sergio Varela e César Rodríguez, grazas en parte a unha pequena saída de pista de Rodríguez na última suba que lle fixo perder as súas opcións de vitoria e provocou que Varela, que viña por detrás, perdese algo de tempo ao pasar polo lugar, un tempo que resultou definitivo na clasificación final.
Multitude de afeccionados déronse cita en Marcón durante as dúas xornadas de competición, que estiveron marcadas pola intensa calor.
O primeiro vehículo carrozado foi o de Santiago Abad, sexto na xeral, co seu Audi A4 STW do Congostra Team Sanxenxo, mesmo equipo que Rubén Blanco, campión na categoría de vehículos históricos cun BMW E21.