Os equipos galegos de LF2 propoñen unha liga con 2 descensos por grupo e 3 ascensos vía play-off
Por Diego Espiño
Pouco se sabe de momento de como será a competición a próxima tempada na Liga Feminina 2 de Baloncesto, na que militan equipos como o Arxil de Pontevedra e o Cortegada de Vilagarcía.
A Federación Española de Baloncesto confirmou no momento de cancelar oficialmente a competición pola alerta sanitaria que a segunda categoría do baloncesto feminino nacional ampliaríase a 36 equipos repartidos en 3 grupos, sen especificar máis detalles ata a data.
Por iso, e ante a incerteza que deben afrontar os equipos, os clubs galegos de Liga Feminina 2 xunto a outras entidades uníronse para elaborar unha proposta que esperan sexa apoiada polo resto de equipos da categoría, ademais de ser remitida ao organismo reitor da competición.
Na mesma Arxil, Universitario Ferrol, Cortegada e Celta aseguran que o ideal sería manter a composición actual de 28 equipos repartidos en 2 grupos, ao que esperan volver nun futuro a medio prazo. Mentres tanto propoñen que na campaña 2020/2021, con eses 36 participantes, se produzan dous descensos directos en cada un dos grupos con tres ascensos que se decidirían mediante un play-off cos tres mellores de cada grupo.
Esa proposta completaríase con dous ascensos desde Primeira Nacional, reducindo así a liga Feminina 2 a 32 equipos para a 21/22, que poderían repartirse en dous grupos de 16.
Ademais os clubs reclaman unha rebaixa nos requisitos económicos da competición para adecuarse á realidade que provoca a crise sanitaria. Así, piden que o custo de inscrición sexa só de 1.500 euros e o aval necesario para participar de 10.000, cunha data tope para cumprir os requisitos do 24 de xullo. Tamén verían con bos ollos unha rebaixa no importe das licenzas federativas.
ASCENSOS DE FUNDACIÓN FEDESA E MARISTAS DA CORUÑA
Nas últimas horas confirmouse ademais o ascenso á Liga Feminina 2 de dous novos equipos galegos, o Fundación Fedesa santiagués e o Maristas da Coruña, o que deixa seis conxuntos da comunidade na categoría, ou o que é o mesmo, a metade dun dos grupos previstos para a próxima campaña.
Trátase dunha decisión adoptada tras a reunión que este xoves protagonizaron as federacións autonómicas que integran a conferencia norte e que xa foi comunicada oficialmente.
Relacionadas:
-
O Arxil xa coñece a data de inicio da liga Feminina 2
Por Redacción |
-
O Peixe Galego dobra a súa aposta e formaliza a inscrición dun equipo na Liga Feminina 2
Por Diego Espiño |
-
Aprobada a ampliación da Liga Feminina 2, que pasará a ter tres grupos de 14 equipos
Por Redacción |
-
O Arxil aposta pola renovación de Forster e despídese de Johanna Puchetti
Por Diego Espiño |
-
Linnea Rosendal abandona o Arxil
Por Redacción |
-
O filial do Arxil ascende á categoría de bronce do baloncesto español
Por Redacción |
-
Lino Vázquez, directivo do Arxil: "me siento utilizado por la Federación"
Por Almu Dapena |
-
A tempada, finiquitada definitivamente para un Arxil "preocupado" por o próximo curso
Por Diego Espiño |