A Copa Ribadumia de fútbol base suspende definitivamente a súa segunda edición
Por Redacción
A segunda edición da Copa Ribadumia de fútbol base non poderá finalmente celebrarse este ano 2020.
A organización do torneo internacional, previsto inicialmente o categoría infantil do 12 ao 14 de xuño e en benxamín do 19 ao 21, aprazara a súa segunda edición coa esperanza de poder levala a cabo en setembro.
Con todo "seguimos descoñecendo cales son as condicións que estarán vixentes no mes de setembro para a realización de eventos deportivos que aglutinen a espectadores", sinalan, ademais de temer os efectos dun posible rebrote da pandemia de coronavirus.
Ademais o CD Ribadumia considera que setembro non é un mes apropiado para realizar un evento destas carácterísticas na Senra, sobre todo no campo de céspede natural e quedaría danado en vésperas do inicio dunha nova tempada deportiva.
Segundo indica Francisco Ozores, director do torneo, a segunda edición da Copa Ribadumia tiña previsto contar coa presenza de ata 80 equipos entre categoría benxamín (50) e infantil (30) chegados desde diferentes puntos de España, Portugal e países de África e Asia.
Na súa estrea o pasado ano, a competición tivo presenza de canteiras como as do Boavista, FC Porto, Athletic Club, Celta, Getafe, Rayo Vallecano ou Leganés, entre outros.
A intención é que todos os clubs convidados en 2020 poidan conformar o cartel da Copa Ribadumia en 2021, sempre que as condicións sanitarias permitan a súa celebración.