Un "premio inesperado" para Rubén Ferrero, arbitar na fase final da LNFS e a Primeira Feminina
Por Diego Espiño
"Eu xa daba por finalizada a tempada", recoñece o pontevedrés Rubén Ferrero con respecto ao seu primeiro ano como árbitro na Liga Nacional de Fútbol sala (LNFS), a máxima competición nacional masculina, despois da paralización da mesma polo coronavirus. Pero nada máis lonxe da realidade, e é que o bo labor realizado xunto ao seu compañeiro, o tamén galego José Manuel Carreira valeulles para o que Comité Técnico de Árbitros da Real Federación Española de Fútbol os teña escollido para tomar parte nos play-off polo título na máxima categoría, tanto masculina como feminina.
Ferrero e Carreira atópanse entre os 20 colexiados designados para as fases finais, que se pretende dispútense simultaneamente nunha sede única (barállase Málaga como opción a finais de xuño).
"É un premio inesperado porque é a miña primeira tempada en Primeira División", explica o colexiado, responsable de formación en fútbol sala do Comité Técnico de Árbitros de Pontevedra.
Para el a tempada xa resultara un éxito e estaba "moi contento" co seu labor "independentemente da designación para o play- off", e é que o salto á elite do seu deporte "xa fora espectacular por equipos, por xogadores, por pistas, pola afección... é un soño. Imaxina 4.000 ou 5.000 persoas nun pavillón, pistas míticas que vías pola televisión cando eras pequeno, xogadores os mellores do mundo... que máis podes pedir?".
Rubén asegura que a pesar de todo o seu obxectivo segue sendo "asentarnos na categoría", unha LNFS na que "se nota moito máis a responsabilidade, ten máis repercusión e estás moito máis analizado".
Iso non lle impediu gozar dun ano que se viu interrompido de golpe, un parón que "foi duro ao principio, porque vés de estar adestrando e competindo e nunha semana quítancho todo". Con todo tivo que cambiar rápido o chip e centrarse no seu traballo diario como Policía Local en Redondela: "a arbitraxe tivo que pasar a un segundo plano, é máis complicado centrarche niso cando vías na rúa o que estaba a pasar", sinala, xa que "a vida son momentos e era momento de axudar e sumar para tentar erradicar o tema do Covid".
Agora, coa designación na man e se se cumpren os plans da Federación, terán algo menos dun mes para prepararse a conciencia para os play- off. "Faltará un pouco a rodaxe dos partidos", recoñece, "pero isto é como andar en bicicleta, non se esquece". Seguro que o gozará poñendo a guinda a unha tempada soñada a nivel persoal.
Relacionadas:
-
Un grupo de árbitros protesta polo cesamento de Manuel Vidal Araújo como delegado do CTA de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
27 árbitros pontevedreses examínanse para o ascenso a Primeira e Segunda galega
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
Un árbitro pontevedrés entre os elixidos para dirixir o playoff de ascenso a Segunda B
Por Redacción |
-
O pontevedrés Alejandro Muñiz, entre a arbitraxe e o seu traballo de Policía en Madrid en plena alerta sanitaria
Por Diego Espiño |
-
A "ilusión tremenda" do pontevedrés Alejandro Muñiz no seu debut como árbitro de Segunda División
Por Diego Espiño |