Detidas dúas persoas polo roubo de bicicletas a Gustavo César Veloso
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía de Arousa identificaron e detiveron a dúas persoas como presuntos autores do roubo de dúas bicicletas de alta gama.
As máquinas en cuestión pertencen ao ciclista profesional arousán Gustavo César Veloso, que actualmente milita nas filas do FC Porto portugués.
Veloso denunciara a subtracción das bicicletas o pasado 24 de maio, sinalando na súa denuncia que terían accedido ao interior da leira da súa vivenda tras saltar un muro de pedra duns dous metros de alto, atopando o particular botín no interior dun alpendre.
Unha das bicicletas pertence ao equipo profesional portugués ao que pertence o vilagarcián, e ademais de portar as súas cores estaba montada nun rodete no momento do roubo. Ambas as dúas están valoradas en 7.000 e 4.500 euros respectivamente.
A colaboración cidadá resultou decisiva para poder localizar as máquinas e aos presuntos autores do delito, debido a que foi unha chamada ao 091 a que alertou da presenza no garaxe dunha vivenda do que parecía unha das bicicletas subtraídas e cuxa fotografa vira en redes sociais.
Os axentes dirixíronse ao domicilio onde se atopaba e interviñérona para trasladala a dependencias policiais e entregarlla ao seu lexítimo propietario. Ademais continuaron coas pescudas e o día 29 de maio localizaron ao presunto autor da subtracción ao que detiveron por un roubo con forza. O detido declarou aos axentes que a outra bicicleta estaba en posesión dun amigo seu que foi localizado e detido tamén polos axentes policiais, recuperando a segunda bicicleta.
Tras prestar declaración en dependencias policiais os detidos, veciños de Vilagarcía de 19 e 28 anos de idade, este último con antecedentes policiais, foron postos ao dispor da autoridade xudicial.