Louzán, tras verse con peñas e accionistas: "Hai uns números que deberían ser outros e non o son porque non todos cumpriron"
Por Ramiro Espiño
Case hora e media durou a reunión mantida na sede do Pontevedra, en Pasarón, na noite do xoves. Un grupo de representantes de distintos colectivos de afeccionados e peñas do club, afíns a Acción Granate, co recentemente nomeado conselleiro en substitución de Evaristo Portela, José Antonio Millán, á cabeza, eran recibidos polo presidente da entidade, José Manuel Fernández, e o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán. Xunto a eles estaban tamén presentes algúns dos accionistas maioritarios como Nino Mirón e Monbús.
Non asistiron outros accionistas como Ricardo Tilve, Sercoysa, Sogal ou Frama, como tampouco acudiron o ex-presidente Mauricio Rodríguez, nin a conselleira Lupe Murillo.
Tanto José Manuel Fernández coma Rafael Louzán pediron aos representantes sociais apoio para o Pontevedra nestes momentos difíciles, deixando a un lado calquera tipo de diferenza provocada polas persoas que dirixan a entidade en cada momento.
A resposta dos membros do colectivo Acción Granate foi clara. Ademais de poñer sobre a mesa un arquivador contendo as firmas de adhesión ao colectivo que representan de máis de mil afeccionados granates, sinalaron que están dispostos a brindar a súa colaboración ao club, cunha condición irrenunciable: a saída definitiva de Mauricio Rodríguez, e calquera outra persoa que o apoie, dos órganos de dirección da entidade.
Nino Mirón fixo ver que a designación de Millán como representante seu no Consello en substitución de Evaristo Portela non vai significar subordinación ningunha, senón que Millán terá plena autonomía para realizar o seu traballo, sen limitacións de ningún tipo. Ademais solicitou, do mesmo modo que el se apartara da toma de decisións, o fixesen tamén as persoas que están a ser o principal motivo de discordia entre club e afección.
Como conclusión da reunión, que todas as partes cualificaron de positiva, se decidiu esperar pouco máis dunha semana ata coñecer o peche das contas e a situación económica do club, anunciando que tras iso se producirán máis cambios no consello de administración. En ambos os dous sentidos pronunciábase Rafael Louzán, á saída, deixando entrever nas súas palabras que o exercicio pasado pode deixar ao descuberto de novo uns números negativos, a pesar das manifestacións que reiteradamente realizou sempre o anterior presidente, Mauricio Rodríguez: "Cada un debe responder co seu compromiso, hai uns números que deberían ser outros e non o son porque non todos cumpriron coa dimensión prevista de colaboración económica".
Louzán seguiu expresándose nesa liña: "As contas aínda non se entregaron. Presentaranse nunha semana e pico e se coñecerá a realidade deses datos. Por parte de todas as persoas que asumiron un compromiso público de colaboración e achega, ben a nivel persoal ou en representación de institucións, que acheguen o que tiñan comprometido. A Deputación cumpriu por enriba do que estaba previsto. ÿ moi importante, senón o club estaría nunha situación inquietante para poder empezar a próxima tempada".
Louzán: "Incorpórase Millán e creo que se incorporarán algunhas persoas máis nun período curto"
"Unha vez preséntense as contas -seguiu Louzán- corresponde a decisión do cambio aos accionistas. Incorpórase Millán e creo que se incorporarán algunhas persoas máis nun período curto, aquí faltan persoas. ÿ bo que veñan boas persoas para botar unha man. Non é un momento doado. Espero que así sexa e fago un convite expreso a que persoas acheguen o seu gran de area. A estabilidade é fundamental para un club e o importante é que todos sumen. Pedimos por favor que nun momento como este, a poucos días da nova tempada, que todas as partes sumen. Coa presidencia de José Manuel e con algún accionista novo en representación ou ben que queira participar. ÿ momento só de pensar no club. José Manuel ten un papel complicado e é conciliador, teño plena confianza nel. Hai un proxecto aparentemente ilusionante e ogallá a afección volva a Pasarón".