Publicadas as bases para a concesión de axudas aos deportistas de Poio
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (Boppo) publicaba este venres as bases para acceder ás axudas deste 2020 destinadas a clubs e entidades deporitvas sen ánimo de lucro e a deportistas individuais do Concello de Poio.
Trátase das bases que se aprobaron previamente pola Xunta de Goberno de Poio, despois de que Marga Caldas, concelleira de Deportes, establecese contactos co tecido deportivo do municipio para acordar as normas destas achegas que pretenden axudar a sufragar os gastos que ocasiona a promoción de actividades deportivas de interese para o Concello.
As solicitudes pódense presentar durante un prazo de 15 días hábiles desde este venres 22 e o período subvencionable abarca desde o 1 de agosto de 2019 ata o 31 de xullo de 2020.
Establécese unha Liña 1, destinada a clubs e entidades deportivas de carácter federado, que se atopen inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións e deberán contar cunha traxectoria mínima de dous anos de actividade. A Liña 2 diríxese a deportistas federados en disciplinas individuais empadroados en Poio e que tamén posúan unha experiencia mínima de dous anos.
O orzamento total alcanza os 33.750 euros e para a concesión teranse en conta diferentes criterios dentro do sistema de concorrencia competitiva. Os solicitantes da Liña 1 só terán a opción de presentar a súa intancia a través da Sede electrónica do Concello de Poio.