Abre o prazo para inscribirse na XIV Milla Urbana de Sanxenxo
Por Redacción
A Concellaría de Deportes de Sanxenxo abriu o prazo para inscribirse na XIV edición da Milla Urbana que se celebrará o próximo domingo 1 de setembro dende as 12:00 horas.
A proba, que se desenvolverá no Paseo de Silgar, conta con dez categorías para todas as idades, dende os prebenxamíns ata os sénior e veteranos, organizando unha carreira exclusiva para os profesionais federados.
Todos os interesados poden anotarse a través do correo electrónico deportes@sanxenxo.org, chamando ao número de teléfono 986 727 936 ou persoalmente no Pazo Emilia Pardo Bazán.
Ademais dos trofeos para os campións de cada categoría, os atletas federados obterán premios en metálico, que ascenderán 500 euros para os primeiros, 250 euros para os segundos, 125 euros para os terceiros, 75 euros para os cuartos e 25 euros para os quintos.
A distancia da proba, de 1.609 metros, redúcese a 800 metros no caso dos participantes en idade infantil e cadete e a 400 metros en idade prebenxamín, benxamín e alevín.
Aquelas persoas que non se anotasen previamente poderán facelo tamén no posto que se habilitará para a ocasión na avenida Luis Rocafort ata momentos antes do inicio das primeiras carreiras.