Celia Cerviño, da pista de tenis ao frontón do edificio de Facenda
Por Diego Espiño
A alerta sanitaria do coronavirus obrigou a moitos deportistas para tirar de imaxinación para seguir exercitándose, ou a volver ás súas orixes, como é o caso de Celia Cerviño.
Quen coñece ben a esta moza pontevedresa, que tenta progresar no circuíto internacional de tenis, viuna desde nena pegada a unha raqueta en plena Praza da Ferrería. Agora, cando as medidas de restrición empezaron a afrouxarse sobre todo para deportistas, regresou a eses anos de felicidade xogando ao tenis nos intres libres contra unha parede. E é que Celia dentro do seu plan de preparación destes días inclúe sesión diaria, se o clima o permite, de peloteo contra a fachada lateral da antiga sede de Facenda, na céntrica Rúa Pasantería.
"Levo facendo isto desde que tiña 8 anos", recoñece sobre un exercicio que realiza "sobre todo para a distancia de golpeo coa pelota, que é o que máis se perde, o timing, darlle xusto no sitio no que tes que darlle, e iso o frontón dámo".
Aínda que "non o fago por tempo", adoita estar unha media hora dando raquetazos ante a mirada dos que por alí pasan e que ás veces lle fan parar, xa que estes días "ao ir ás 20:00 que se xunta todo o mundo ao saír", explica.
O parón competitivo chegoulle a Celia Cerviño nunha tempada importante a nivel persoal, xa que era a primeira que ía dedicar por completo ao tenis profesional unha vez terminada a súa formación universitaria en Estados Unidos. "Obviamente o parón non me gusta nada porque me preparara moito e tiñamos moi claro como ía ir a tempada", sinala, pero non é algo que lle faga perder o sorriso.
De feito é capaz mesmo de verlle aspectos positivos, xa que "me dá tempo para traballar cousas que non lle dedicou quizais tanto tempo, e tamén creo que me vai a axudar a nivel de competición unha vez que se volva, porque agora é moi importante ver a xente que foi suficientemente disciplinada e niso creo que teño vantaxe sobre moita xente", defende.
Desde o posto 848 do ranking WTA, Celia segue soñando con poder xogar en grandes escenarios, e aplícase conciencia para logralo algún día da man do seu equipo de traballo. "Teño unhas ganas inmensas de volver a pista", recoñece, e tamén de volver competir, aínda que iso será outro paso. Primeiro, cando a evolución da pandemia o permita, volverá exercitarse nas pistas do Club de Tenis Pontevedra, pensando nos torneos que, tarde ou cedo, volverán disputarse. Cando así sexa, ela estará preparada.
Relacionadas:
-
Primeiro título individual do ano para Celia Cerviño, campioa do W15 de Castelló
Por Redacción |
-
Celia Cerviño viaxa a Marbella coa meta de coarse no cadro final e resarcirse da súa última competición
Por Redacción |
-
Celia Cerviño remata unha agridoce xira polo Mediterráneo
Por Redacción |
-
Celia Cerviño volverá en xullo ás pistas máis forte ca nunca
Por Manu Otero |
-
Celia Cerviño pecha a súa participación no ITF de Sunderland cun novo segundo posto
Por Redacción |
-
Celia Cerviño ou a ilusión de dedicarse ao tenis profesional desde Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Celia Cerviño pecha o seu mellor ano con triunfo no Open de Pontevedra
Por Redacción |
-
Celia Cerviño, ante unha tempada clave para o seu futuro no circuíto tenístico profesional
Por Redacción |
-
A participación de Celia Cerviño no Masters IBP de tenis acaba en retirada
Por Redacción |