Condenan á Xunta a indemnizar a un piragüista que foi golpeado no Lérez por unha embarcación de remo do CGTD
Por Diego Espiño
A Xunta de Galicia, como responsable do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), deberá indemnizar a un piragüista que en xuño de 2017, mentres adestraba no río Lérez, foi golpeado por unha embarcación de remo do CGTD. En concreto o suceso produciuse entre a ponte dos Tirantes e o de Santiago, cando a proa da embarcación de remo dobre scull circulaba a gran velocidade e impactou coa piragua.
Debido ao suceso, o piragüista afectado sufriu unha lesión na rexión lumbar pola que estivo 78 días de baixa e que lle impediu participar no Campionato de España.
Agora o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra condenou á Xunta a indemnizar ao afectado con 3.097 euros.
O xuíz no seu fallo destaca que o accidente se produciu durante unha sesión de adestramento organizada polo CGTD e "os adestramentos de máximo nivel organizados en espazos públicos de tránsito común deben dispoñer dun protocolo mínimo de seguridade para evitar causar danos a terceiros", sinala o maxistrado, máis se cabe cando nesta modalidade de remo os deportistas navegan "de costas á proa, sen visibilidade cara á traxectoria dianteira, desprazándose a gran velocidade e sen temoneiro que poida advertir ou evitar os obstáculos cos que se topen de fronte".
A sentenza engade que non se probou a existencia de tal protocolo de seguridade e queda "clara" a responsabilidade da Secretaría Xeral para o Deporte, á que critica indicando que "é un auténtico despropósito dispoñer adestramentos a gran velocidade de embarcacións de remo deste tipo, en espazos públicos transitados por outros barcos, sen mínimas medidas de seguridade, como poderían ser o apoio dunha zódiac ou un adestrador en terra a distancia adecuada para dar instrucións e advertir dos obstáculos".
O fallo en favor do piragüista prodúcese, conclúe o maxistrado, ao non poderse demostrar que "estivese a realizar unha manobra imprudente ou inadecuada".