Fernando Huelin, médico do CGTD, pide saír a correr con máscara e respectar as distancias de seguridade
Por Manu Otero
Despois de máis de corenta días de confinamento como medida de contención fronte ao avance do coronavirus, o Goberno abre a porta á práctica de actividades deportivas ao aire libre de forma individual a partir deste sábado, 2 de maio. Moitos afeccionados ao atletismo ou ciclismo esperaban ansiosos este momento, con todo, os expertos e profesionais da saúde recomendan extremar as precaucións para previr novos contaxios.
"Ao correr respiramos con máis profundidade e exhalamos con máis forza", advirte o médico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Fernando Huelin, que publicou nas súas redes sociais unha serie de consellos, baseándose nun estudo realizado por científicos belgas e holandeses, para incrementar a distancia de seguridade en función do esforzo e velocidade dos deportistas.
"A maior velocidade, máis lonxe chegan esas partículas que quedan suspendidas no aire", sostén o doutor que recomenda ampliar a 4 ou 5 metros a distancia cando trotamos, a 10 metros se corremos a maior velocidade ou paseamos en bicicleta e a máis de vinte metros cando a velocidade dos ciclistas excede os 30 quilómetros por hora.
Aínda que apela á tranquilidade polas escasas posibilidades de contaxio durante a práctica deportiva, pide aos corredores que cando vaian adiantar a outro corredor ou se crucen con alguén o fagan seguindo unha traxectoria diagonal para esquivar a nube de partículas exhaladas polas outras persoas.
Non é unha obrigación, pero Huelin recomenda encarecidamente o uso de máscara para facer deporte a baixa intensidade. "Cando imos pola autoestrada detrás dun camión que transporta grava miúda sen lona, cáennos partículas no parabrisas, verdade?", expón o médico. A reacción natural é pedir ao camioneiro que poña unha lona, "pois neste caso igual, a nosa lona é a máscara", apunta o facultativo.
En caso de realizar unha práctica deportiva de alta intensidade, admite o doutor que o uso de máscara faríase inviable, polo que pide aos deportistas que o fagan en zonas apartadas onde o contacto con outras persoas sexa improbable.
"Eu sairei o primeiro día, pero a andar, non a correr porque levamos tempo parados e hai que previr lesións, hai que facer unha pequena pretemporada", lembra Fernando Huelin outro factor para ter en conta para retomar os adestramentos.