Dous estudantes de Ciencias do Deporte organizan unha carreira solidaria en favor do Sergas desde casa
Por Redacción
O confinamento non é escusa para deixar de practicar deporte e, aínda que hai que facelo de forma individual, tampouco é obrigatorio facelo en solitario. Dous estudantes do grao de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Ángela Garrido e Iván Vicente, organizan unha carreira virtual solidaria, consistente en completar unha distancia de tres quilómetros entre o 26 de abril e o 10 de maio, en favor do Sergas.
Trátase dunha proba non competitiva na que o único requisito para participar é realizar a inscrición nesta ligazón e abonar a cota de dous euros que posteriormente será transferida ao Servizo Galego de Saúde. Unha vez realizada a transacción, os usuarios recibirán por correo o seu dorsal e o seu xustificante e xa poderán poñerse en marcha. Atletismo, ciclismo, baile... calquera actividade física é válida. Recoméndase o uso dunha aplicación para rexistrar a actividade e compartir os resultados mencionando en Instagram a Correcontraelvirus, Angelag_trainer, Ivanvisrcd e o hashtag #CorreContraElVirus.
Ao concluír o prazo sortearán múltiples agasallos entre todos os participantes, o lote está composto por: unha camiseta de Iago Aspas e Iván Villar, unha tablet doada por Gadis, unha tatuaxe valorada en 100 euros do tatuador e deseñador Yago Fernández, unha camiseta do primeiro equipo de CD Lugo, dous lotes de conservas e dúas bufandas do Pontevedra CF doadas polo club, tres lentes de Graphics Project, Catro libros da atleta Desi Vila, unha camiseta de Elmorenobeach, tres bonos de dez horas para as instalacións de Urban Planet Jump de Vigo, A Coruña ou Santiago, Tres camisetas da Contravento, tres suadoiros de Nachitos Store, catro packs de doce unidades da bebida isotónica Artiosport, lote de produtos de Boom Nutrición e unha cesta de produtos do ultramarino.
A falta de máis de quince días para o fin do evento, o número inscricións supera xa os 75 participantes