David Cal rexeitou adestrar co equipo nacional porque "tiña un sitio precioso en Pontevedra"
Por Manu Otero
O mellor deportista español na historia dos Xogos Olímpicos, David Cal, foi o protagonista da última sesión de clases maxistrais online que está a organizar a Federación Española de Piragüismo durante o estado de alarma.
No seu discurso, o cangués confesou que os de Sidney foron os Xogos nos que máis gozou, do seu enfado por non ser seleccionado para o equipo nacional ou da estratexia para chegar no mellor estado de forma posible ás citas olímpicas.
Despois dun inicio de carreira na que a competición non lle atraía, o equipo nacional crúzase no camiño do novo padeeiro. "Quería entrar no equipo nacional pero dixéronme que non, paseino mal. No Mundial fun terceiro cunha canoa que alugamos do equipo xaponés, despois tiven a oportunidade de ir ao equipo nacional e non fun porque estaba doído e tiña un sitio precioso para adestrar en Pontevedra", explicou nos primeiros minutos dunha charla que durou máis de dúas horas.
Outro episodio da vida deportiva de David Cal que sorprendeu ao público foron os seus recordos sobre os catro Xogos Olímpicos nos que participou, sendo Sidney 2000 os seus favoritos. "Foron os que máis gocei porque os seguintes xa me tocou competir. En Atenas non era favorito, viña de ser subcampión do mundo en 2003, pero ía de tapado", confesou sobre a cita na que logrou un ouro e unha prata.
Antes de tocar o ceo olímpico, a súa carreira superou outro punto de inflexión. "No 2002 deixei o piragüismo e de deixalo pasei a ser subcampión do mundo ao ano seguinte. Saín do equipo nacional porque non encaixei e vi que estaba a perder o tempo. Fun a casa. Convencéronme e retomei os adestramentos", lembrou.
Despois dos Xogos da capital grega, Cal converteuse nun referente. "O seguinte ciclo olímpico non o gocei tanto. Todo o mundo sinalábache. Os de Pequín foron espectaculares porque ademais tocoume ser o abanderado, pero non conseguimos os resultados. Iamos a por dous ouros e foron dous segundos postos. Caéronnos bastantes críticas", reviviu o piragüista.
A súa última participación olímpica chegou en Londres. "Tiñamos un problema de motivación porque xa levaba catro medallas olímpicas, pasei a loitar pola quinta medalla que non conseguira ningún español. Finalmente conseguín a prata pero foi moi dura psicoloxicamente", admitiu.
Un dos principais responsables do éxito de David Cal foi o seu adestrador, Suso Morlán, que faleceu en novembro do 2018 despois de conducir a carreira do cangués desde os seus 15 anos. A estratexia preparatoria e competitiva levaba o seu selo. "Estar todos os anos ao 100% non nos aseguraba que o último ano do ciclo, que é os Xogos, iamos chegar ao 100%", explicou Cal sobre o seu plan de ir mellorando de forma progresiva ao longo de catro anos a súa condición física.
Do mesmo xeito que todos os fitos da súa carreira, a retirada do mellor padeeiro español de toda a historia tamén foi sorpresiva. "Tomámonos bastante tempo para tomar a decisión, o problema era que eu tiña que buscar un obxectivo, algo que me motivase. Non tiñamos claro que facer, a crise aínda estaba aí. Tomei a decisión de deixalo a principios do 2015. Filtrouse e armouse un pouco de balbordo pero era o momento idóneo para facelo. Chega un momento que estás saturado e necesitas facer cousas novas", argumentou o deportista.
Afastado da canoa, a vida de Cal céntrase agora en servir de inspiración para novos talentos como colaborador da UCAM.
Relacionadas:
-
David Cal recorda Pekín 2008 como "unha das experiencias máis bonitas da miña traxectoria deportiva"
Por Redacción |
-
David Cal fala da súa vida como ex-deportista: "Cando me retirei non tiña moi claro que ía facer"
Por Redacción |
-
Canceladas as competicións nacionais de piragüismo ata o 27 de xuño afectando ás que se ían a celebrar en Pontevedra
Por Redacción |
-
O Consello Superior de Deportes entrega a David Cal a Gran Cruz da Real Orde do Mérito Deportivo
Por Redacción |
-
David Cal recibirá unha homenaxe da Xunta na entrega dos Premios Deporte Galego
Por Redacción |
-
David Cal retírase da competición
Por Redacción |