Á busca dun lateral esquerdo: O Pontevedra descarta a Suso e proba Álex Freire
Por Ramiro Espiño
Cubrir a posición de lateral esquerdo da defensa do Pontevedra comeza a ser unha das principais preocupacións do director técnico granate, Milo Abelleira, e do adestrador Nando. Se a pasada semana se incorporaba ao traballo co equipo un ex-xogador, formado nas categorías inferiores do club, como Suso, que a tempada anterior militara no Somozas, o martes era outro xogador saído da Xunqueira, como Álex Freire, quen tras o seu paso polo Coruxo, poñíase ás ordes de Nando, intentando gañar un posto no equipo.
Suso non o conseguiu. O lateral de Campelo despedíase o mércores do resto de xogadores, tras recibir a noticia de que o Pontevedra desestimaba a súa incorporación. Nando déralle a opción de xogar nos dous partidos disputados ata agora na pretempada, fronte a Estudantil e Deportivo, pero o seu traballo non foi suficiente para convencer o técnico da conveniencia da súa fichaxe.
A quenda agora é para Álex Freire, que dispoñerá dunha semana para conseguir o posto, co inconveniente engadido da súa idade, pois se ben Suso (22 anos) non ocuparía unha das poucas prazas dispoñibles de maiores de 23 anos, Álex (24 anos) supera esa idade, o que condicionaría tamén o resto de fichaxes que se pretenden para pechar o equipo.
Recordemos que a intención dos técnicos do club é completar o equipo coa contratación polo menos dun lateral esquerdo, un mediocentro e un dianteiro, se ben coa marcha de Jacobo todo apunta a que serán dous os centrocampistas que cheguen ao Pontevedra.