"Unión nun momento complicado" entre os estamentos do deporte galego
Por Redacción
Buscar solucións de maneira conxunta entre todo o tecido deportivo galego. É o obxectivo que tanto a Secretaría Xeral para o Deporte como a Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA) plantexaron na reunión telemática mantida este xoves.
O máximo responsable do deporte autonómico, José Ramón Lete, debateu virtualmente coa directiva da UFEDEGA, presidida por Rafael Louzán, contando ademais coas achegas do director do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, Jesús López, ou do delegado territorial pontevedrés de deportes na Xunta, Daniel Benavides.
Lete quixo enviar aos presidentes das distintas federacións unha mensaxe de "unión nun momento complicado" e a súa intención de tentar avanzar "na mesma dirección" para minimizar no posible os efectos que a crise sanitaria está a ter no deporte.
A Secretaría Xeral para o Deporte explicou que unha das medidas que se adoptaron desde a Xunta, e que será publicada no Diario Oficial de Galicia proximamente, é a prórroga de seis meses nos recoñecementos aos deportistas de alto nivel que finalizaban esa condición en 2020, o que se estenderán durante ese novo prazo tamén os beneficios que a declaración leva aparellados.
Por outra banda, ademais do pago dos convenios ás distintas federacións deportivas, sinalaron que as convocatorias de axudas aos clubs deportivos, así como o plan publicitario dos equipos de alta competición da Fundación Deporte Galego, "seguen a súa tramitación habitual", confirman desde o goberno autonómico.
No encontro non podían faltar as dúbidas e propostas sobre que facer coas competicións deportivas que non finalizaron e se viron aprazadas sen data para o seu regreso. O obxectivo é tomar unha decisión da maneira máis conxunta posible, aínda que se deixa a toma as decisións para futuros encontros esperando saber como actúa á súa vez o Consello Superior de Deportes en relación ás competicións de ámbito estatal que tamén están no aire.
Relacionadas:
-
A desescalada no deporte: posible reapertura do CGTD o 11 de maio
Por Manu Otero |
-
Turismo de Pontevedra alivia a economía dos clubs polo parón co pago do primeiro trimestre de patrocinio
Por Redacción |
-
A Xunta garante aos deportistas con aspiracións olímpicas que o seu programa de axudas "seguirá plenamente vixente"
Por Redacción |