Medalla de prata para a tiradora Pilar Garnelo nun trofeo internacional celebrado en Barcelona
Por Redacción
A tiradora da Escola Hungaresa Pilar Garnelo conseguiu a pasada fin de semana a medalla de prata no trofeo internacional de Sant Jordi de categoría infantil celebrado en Barcelona. A prometedora pontevedresa alcanzou a final na modalidade de sabre despois de superar a fase de grupos como a cuarta mellor do cadro, desfacerse das británicas Gallagher e Danford nas dúas primeiras eliminatorias, á madrileña Elena Gómez en cuarrtos e á húngara Duna Dobos en semifinais.
Garnelo conseguiu superar con relativa comodidade a todas as súas rivais, pero na final a igualdade foi a tónica dominante. O asalto chegou á recta final con empate a 13 tocados e foi aí cando a madrileña Lucía do Palacio decantou a balanza ao seu favor con dous tocados consecutivos que deixaron á pontevedresa sen a medalla de ouro.
No cadro feminino participaron tamén as súas compañeiras de equipo Inés Silva e Leyre Grande. Ambas superaron a fase de grupos pero quedaron sen opcións de loitar polas medallas.
Menos fortuna tivo o club no cadro masculino co concurso de Iago González, André Martín, Samuel Ogando e Juan Ocampo. Todos superaron a fase de grupos, pero Ogando e Ocampo caeron na primeira rolda, mentres que Martín e González fixérono na segunda.
A pesar de conseguir só unha medalla, desde a Escola Hungaresa móstranse moi orgullosos do nivel mostrado polos seus tiradores nun dos eventos máis importantes da categoría no panorama europeo no que participaron deportistas de Francia, Austria, Alemaña, España ou Reino Unido.
Relacionadas:
-
Pilar Garnelo, unha 'tiradora' da que presume a esgrima pontevedresa
Por Diego Espiño |
-
Recital da Escola Hungaresa en Portugal
Por Redacción |
-
Duelo de espada a cegas, a idea da Escola Hungaresa para adaptar a esgrima a persoas con discapacidade visual
Por Redacción |
-
Colección de medallas para a Escola Hungaresa no Criterium Nacional de Esgrima de Leganés
Por Redacción |