Agora ou nunca para o Teucro na visita do pechacancelas Palma del Río
Por Diego Espiño
Xornada para a reacción a que lle espera este sábado á Sociedad Deportiva Teucro, obrigado a gañar na visita do pechacancelas Palma del Río ao Pavillón Municipal dos Deportes (20:30 horas) se quere tomar aire na clasificación e distanciarse da zona de descenso.
Despois de seis xornadas sen gañar, os azuis non poden permitirse outro fallo ante a súa afección, nunha pista na que non gañaron aínda en 2020. "Ojalá empecemos a saldar esa pequeña deuda que tenemos con el Municipal", recoñece Luís Montes.
O técnico en todo caso escapa das confianzas sinalando o Palma del Río como "un equipo muy duro" que "le está aguantando a todos los equipos 40 o 45 minutos", a pesar da súa situación na táboa e ter sumado só 4 puntos no que vai de campionato.
Vicente Poveda segue sendo baixa no cadro teucrista, que contará na súa convocatoria coa sorpresa de Ferrán Cisneros. Tras adiantar sensiblemente os prazos de recuperación da lesión de ombreiro que se produciu ao comezo de tempada, e aínda que o club recoñeceu a mediados de semana que non contaba co alta deportiva, o xogador catalán entrou na lista.
"No me imaginaba estar a disposición y entrar en la convocatoria. Yo me siento bien aunque me falta un poco", explicou tras o seu regreso aos adestramentos o porpio Cisneros, mentres que o seu adestrador, máis cauto, limitouse a sinalar que "hay que ir con calma" sendo pouco probable que goce esta semana de minutos.
A tarde deportiva para o Teucro dará comezo un pouco antes, ás 18:30 horas, co izado da bandeira do club que supón o inicio dos actos de celebración do seu 75 aniversario.
Relacionadas:
-
O Teucro reencóntrase coa vitoria á conta do pechacancelas, o Palma del Río (32-19)
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Ferrán Cisneros incorpórase aos adestramentos do Teucro tras a súa lesión
Por Diego Espiño |
-
Empate de ouro para un Teucro que se quere aferrar á permanencia (27-27)
Por Almu Dapena |
-
Competición desestima o recurso do Teucro tras a súa polémica derrota en Zamora
Por Diego Espiño |
-
Un erro groseiro da mesa condena o Teucro na súa visita ao Zamora (23-22)
Por Almu Dapena |