Partido para esquecer do Fisgón en Ferrol
Por Redacción
Mala xornada para O Fisgón Futsal na súa visita á cancha do terceiro clasificado do Grupo I da Segunda División, o Valdetires de Ferrol.
As de Marín víronse superadas con claridade (6-1) ante un rival máis intenso e que dominou desde o minuto 2, con gol de Erika, alternando unha defensa en media cancha con outra máis alta que lles complicaba a circulación.
No minuto 7, co Fisgón sen entrar aínda no partido, o Valdetires volveu sacar proveito dunha mala selección de pase para ver porta, e antes do descanso xa vencía por 3-0.
O cuarto chegaría nada máis volver dos vestiarios, cando as marinenses apostaran polo xogo de cinco en busca dun maior control, dando case por finiquitado o duelo. Nin o tanto de Mar para reducir distancias puido metelas de novo nun partido que terminou redondeando o conxunto local con dous tantos máis.
A derrota afasta a O Fisgón do primeiro debido a que ocupa Viaxes Amarelle, e que agora queda a tres puntos cun partido máis, aínda que o conxunto morracense mantén 7 puntos de renda sobre o terceiro posto consolidado na zona de play-off de ascenso.
"Temos que seguir traballando, pensar xa no próximo partido e en todo o camiño que nos queda por percorrer ata final de tempada. Non hai nada feito, temos moitísimo traballo por diante para tentar alcanzar un soño bonito e ilusionante", recoñeceu tras o duelo a adestradora Pili Costa.