A canteira do tenis galego compite polos títulos autonómicos en Pontevedra
Por Manu Otero
Pontevedra será a capital do tenis galego durante o próximos quince días. Nas instalacións do Casino Mercantil e Industrial de Mourente e do Club de Tenis de Pontevedra, na Caeira, decidiranse os campións galegos das categorías alevín, infantil, cadete e júnior.
O 14 de febreiro comezaron a competir os alevíns e os cadetes, que disputarán esta fin de semana as roldas finais do torneo. O sábado en Mourente farano os cadetes e o domingo en Poio, a final dos máis pequenos. Así mesmo, o torneo infantil. que inclúe as categorías individuais masculina e feminina, dobres masculino e feminino e mixto, inicia estes días nas instalacións do Mercantil as fases previas, mentres que a rolda final está prevista para a última fin de semana de febreiro e o primeiro de marzo.
Os júnior, pola súa banda, saltarán ás pistas do Club de Tenis na Caeira o 29 de febreiro para disputar os dezaseisavos da modalidade individual e os oitavos de dobres tanto masculino como feminino. Para o día seguinte está prevista a seguinte rolda, mentres que as semifinais e final de todos os cadros disputarase entre o 7 e o 8 de marzo.
A presentación de todos estes campionatos, que reunirá nas canchas pontevedresas a 389 tenistas de todas as idades, tivo lugar este xoves no Concello de Pontevedra. O presidente da Federación Galega de Tenis, Xosé Mosquera, puxo en valor as instalacións tenísticas nas que se disputarán os torneos e tamén "a implicación dos clubs para organizar estes torneos".
Os presidentes das dúas entidades colaboradoras, Club de Tenis de Pontevedra (Enrique Domínguez) e Casino Mercantil e Industrial (Xosé Filgueira), incidiron no bo momento que atravesa o tenis na cidade do Lérez, na que máis de 400 mozos están inscritos nas categorías de base de ambas as escuadras. Neste sentido pronunciouse tamén o deputado provincial encargado da área de Deportes, Gorka Gómez, que puxo o exemplo de prometedores tenistas como a arousá Jessica Bouzas ou o vigués Martín da Puente como referentes para a canteira galega.
“As vindeiras fins de semana van ser unha auténtica festa para os amantes do tenis, converténdose nunha gran oportunidade para ver o xogo dous xóvenes talentos que veñen pisando forte na nosa Comunidade”, concluíu o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, que ve neste tipo de eventos un paso previo á organización de campionatos de maior calado.